As enerxías renovables aforran 32.500 millóns de euros ao sistema eléctrico español

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

As enerxías renovables produciron un aforro de 32.538 millóns de euros no sistema eléctrico español como consecuencia do abaratamento que provocou a súa entrada no mercado diario entre 2005 e 2012. Neste último ano o sector das renovables produciu uns aforros ao sistema eléctrico de ata 6756 millóns de euros, tal e como mostran os datos do "Estudo do Impacto Macroeconómico das Enerxías Renovables en España" en 2012".

A iso habería que engadir o impacto económico derivado da súa incidencia na redución da nosa balanza enerxética, que ascendeu a 15.368 millóns, e que evitaron as emisións de CO2 por valor de 3095 millóns. Así pois, en termos relativos, as enerxías renovables en Réxime Especial xeraron no citado período un aforro no conxunto do sistema enerxético español de ata 51.001 millóns.

Como contraste, e en termos globais, o sector rexistrou en 2012 un total de 113.899 empregos, 8618 menos que o ano anterior. Esta diminución do emprego global é maior que o incremento rexistrado en 2011 e sitúao no peor nivel dos últimos cinco anos. Globalmente, a solar termoeléctrica, con 5973 empregos, e a eólica, con 3811, foron as tecnoloxías cunha maior perda de emprego en 2012.

Así mesmo, hai que destacar que o das renovables é un sector moi innovador para España e Europa. Segundo os datos facilitados pola patronal do sector (APPA), o investimento en I+D+i respecto ao PIB alcanzou en 2012 o 4,23%, máis do dobre que a media europea, 2,03%, e máis do triplo que a media española, 1,30%.

Grazas a este estudo, puidéronse desmontar algunhas das acusacións que se realizaron ata a data sobre as renovables. A comparación interesada entre primas e déficit tarifario esquece os múltiples beneficios que teñen este tipo de enerxías na nosa economía, e que deben terse en conta nunha análise económica dos seus impactos. O certo é que as renovables non só non foron as causantes do déficit tarifario senón que o reduciron.

Así as cousas, o peso deste tipo de enerxías dentro do PIB nacional, que alcanzou no 2012 o seu máximo histórico cunha achega do 1%, consolida ao sector como dinamizador da economía española e que debería ser unha das bases sobre a que construír a nosa recuperación económica.

Non obstante, e segundo sinalan os autores do estudo, no ano 2013 o paquete de medidas deseñado polo Goberno como "reforma eléctrica" vai nunha dirección absolutamente contraria ao desenvolvemento das enerxías renovables, en liña coas regulacións de anos anteriores.

(Fonte: Innovaspain)