As empresas TIC galegas resisten a 5 anos de crise

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia, que achega aproximadamente o 2% do PIB da comunidade, logrou manter dende o 2010 a cifra de emprego case invariable, por enriba dos 15.000 traballadores, un logro do que non poden presumir nin a construción nin a industria nin os servizos.

Segundo os últimos datos actualizados polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización (Osimga), a comunidade galega contabilizaba a finais do pasado ano 2029 empresas vinculadas a esta actividade, o que supón un crecemento do 2,7% respecto ao 2012 e de case o 15% en relación ao 2010. É dicir, que no peor estadio da crise, creceu o número de negocios.

Ante este comportamento diferencial, non extrapolable a ningún sector, xorde a pregunta de que é o que explica que as TIC obtiveran resultados tan aceptables dende que se evaporase a bonanza económica no 2008.

Perfil innovador

A primeira resposta é que a innovación forma parte do ADN das empresas. E que eses avances, tamén visibles en Galicia, convertéronse nun instrumento imprescindible tanto para o sector público coma para o privado, o que permitiu manter viva a demanda en tempos de crise. Dito doutro modo: convertéronse nunha ferramenta esencial para a competitividade e a eficiencia das empresas e dos organismos públicos. Ao longo dos tres últimos anos, segundo os datos que manexa a Administración galega, máis do 30% das empresas TIC da comunidade desenvolveron actividades de I+D+i, o que representa un incremento do 15,1% respecto ao período anterior. E o que é máis relevante, de todas estas empresas, ata o 71,1% obtivo produtos comercializables.

Dende o sector recórdase que gran parte dos negocios que nacen son dixitais e que sobre a base da tecnoloxía se poden crear novas oportunidades. E, sobre todo, transformar compañías tradicionais, o que contribuíu en boa medida a manter a actividade de moitas pequenas empresas.

O segundo factor diferencial da maior resistencia das TIC á crise tería que ver co papel desempeñado polo sector público. A diferenza do que aconteceu noutros ámbitos como a obra civil, o investimento, aínda que máis reducido mantivo un volume de fondos considerable, o que contribuíu a dinamizar a actividade en tempos de crise. Unha realidade que demostra, en certa medida, como o sector público pode servir de estímulo e que podería poñer en interdito a imperante e férrea doutrina da austeridade. Sirva un dato como exemplo: no período 2009-2012, a Axenda Dixital 2014, o proxecto tecnolóxico da Xunta, mobilizou un gasto de case 900 millóns de euros, dos cales 298 correspondéronse con capital privado.

Galicia conta tamén cun modelo no que un só organismo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), centraliza as competencias. E cuxo labor ao longo dos últimos anos é moi valorado polas empresas do sector, algo que non sucede con moita frecuencia noutras actividades económicas.

"Coñezo, e creo que bastante ben, o sector TIC en Galicia e en España e podo afirmar que a experiencia galega, o caso da Amtega, destaca. E destaca non só polo concepto, senón polos resultados, que ao final é o que conta: nas tecnoloxías da información e as comunicacións da propia Xunta, como no ámbito do desenvolvemento da Sociedade da Información, coma no relacionado co apoio ao sector TIC galego estamos ante uns grandes resultados", explica Tino Fernández, conselleiro delegado da consultora Altia.

Entre os proxectos que saúdan as empresas galegas, destaca o sistema público de compra de tecnoloxía innovadora con iniciativas no ámbito sanitario, como o Hospital 2050, ou o programa denominado Feder Interconecta, que mobilizou en Galicia 210 millóns de euros en máis dun centenar de proxectos nos que toman parte 400 pemes, centros tecnolóxicos e universidades para desenvolver produtos tecnolóxicos baixo un modelo de cooperación.

Calidade do software

En Galicia, a realidade tamén demostra que existe un nivel crecente de aposta pola calidade do software. Este negocio representa o 5,4% do PIB español, pero a comunidade achega o 8,5% das empresas españolas con certificación tecnolóxica, por enriba de Cataluña e o País Vasco. Se se toma como referencia a poboación, a nivel mundial, Galicia sería a rexión con máis proporción de empresas co selo CMMI, só superada por Bangalore, na India. En España hai doce compañías certificadas ao máximo nivel e dous están en Galicia: Tecnocom e NCG.

(Fonte: La Voz de Galicia)