As empresas galegas con axudas públicas para innovación duplican as do ano pasado

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

As empresas que contarán con axudas públicas á innovación este ano serán case 1900, máis do dobre que o ano pasado. Seis de cada dez firmas recibirán unha subvención da Xunta para "a absorción de coñecemento por parte das pemes" e o resto para "captar capital privado para procesos de innovación galegos".

Para financiar máis do dobre de firmas que o ano pasado, o Goberno de Feijóo tivo que elevar o presuposto para innovación. Só os fondos da Axencia Galega de Innovación (Gain), que non é o único departamento que financia a I+D+i na comunidade, superan este ano os 100 millóns de euros, un 21% máis que en 2018 e un 58% máis que no arranque da lexislatura.

O Goberno autonómico dispón de máis recursos económicos porque, segundo explican dende Economía, programas como Conecta Peme 2016 e 2018 están na súa recta final e é o momento en que se concentra o gasto, despois dunha primeira fase de deseño dos proxectos. Tamén puxo en marcha a segunda edición de Innova Peme.

Crecen as axudas públicas pero tamén o investimento privado, explican dende a Consellería de Economía. Por exemplo, o impulso da fabrica intelixente de PSA en Vigo mobiliza só este ano máis de 116 millóns de euros, e participan máis de 350 investigadores.

A Consellería de Economía e Industria explica esta aposta pola innovación na empresa porque entende que é a receita para "fomentar a actividade empresarial e aumentar a produtividade dos traballadores".

O departamento que dirixe Francisco Conde sostén que Galicia, como rexión europea, "debe competir baseándose en tecnoloxía, deseño e innovación de modo continuado se non quere ver deslocalizada a súa produción a países de baixos prezos".

Décima en empresas innovadoras

Galicia ocupa a décima posición como comunidade con máis empresas innovadoras, e estas representan o 4,9% do total estatal. Na comunidade, unha de cada catro empresas con máis de dez ou máis asalariados son innovadoras e case o 13% son empresas que aplicaron innovacións tecnolóxicas. O principal obstáculo para estender a cultura da innovación na realidade empresarial galega é que o tecido está conformado baseándose en pequenas firmas, que é ás que máis lles conta innovar.

Segundo os datos que manexa a propia Xunta, Galicia é un axente "innovador moderado", segundo o Índice de Innovación Rexional, que clasifica ás rexións en función do seu I+D+i, pero foi mellorando nos últimos anos, ao crecer 3,7 puntos entre 2016 e 2017.

O gasto interno en I+D en Galicia foi en 2016, último ano con datos definitivos, de 503,89 millóns de euros, o que representa o 3,8% do gasto do Estado. A cifra mellora a do ano anterior e supera o crecemento de España, que foi do 0,67%. Aínda así, a comunidade aínda ten moito que avanzar, pois destina a innovación o 0,86% do PIB, fronte ao 1,19% de España e o 2,03% da media europea.

Galicia debe dar un gran salto para alcanzar comunidades como País Vasco, que dedica a innovación o 1,89% do seu PIB, ou Madrid (1,66%), ou Navarra (1,62%) ou Cataluña (1,46%). O incremento do presuposto permite que máis investigadores participen en proxectos subvencionados, ao pasar de 566 o ano pasado a 804 este ano. Catro de cada dez destes científicos son mulleres. En Galicia, a comunidade investigadora achégase aos 9400 científicos, e representa o 0,90% da poboación ocupada.

(Fonte: Faro de Vigo)