Empresas españolas e estranxeiras xa queren adquirir tecnoloxía do último satélite vigués

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Hai pouco máis dun mes lanzouse ao espazo o Lume-1, o cuarto satélite creado na Universidade de Vigo. Malia o seu escaso tempo en órbita, a tecnoloxía ou carga útil que transporta, bautizada como Tótem, xa suscitou o interese de empresas españolas e estranxeiras para adquirila, segundo explica Aaron Nercellas, un dos cofundadores a spin-off Alén Space, xurdida a partir do traballo desenvolvido na Universidade de Vigo.

"A transferencia tecnolóxica permítenos agora facer rendible o traballo desenvolvido polos investigadores auspiciado polo programa Ignicia, da Axencia Galega de Innovación," indica Nercellas. O sistema de comunicacións do Lume-1 non só contribúe a detectar incendios forestais, senón que é reconfigurable para outras aplicacións, como poden ser as meteorolóxicas, monitorización de avións, localización de barcos...

Dende o 27 de decembro e ata esta semana, o satélite dera 446 órbitas arredor da terra e pasara 140 veces sobre Vigo. "O funcionamento é perfecto, non atopamos ningún problema e xa se realizaron as probas que confirman o que estaba previsto. Agora estamos empezando a facer probas co que é a carga útil. O tempo que podemos contactar co satélite é limitado, vinte minutos pola mañá e outros vinte de madrugada. En total, durante os cinco días laborais da semana é hora e media de traballo", explica Fernando Aguado, coordinador e investigador responsable do grupo.

De recoller os datos que se transmiten dende o espazo encárganse dúas persoas, aínda que o pase de madrugada se adoita automatizar. "En Vigo hai dúas tarefas: recoller información do seu estado de saúde e recoller información relativa aos test que se foron programando. A través de comandos vanse incluíndo tarefas cando non está por enriba de Vigo", engade Agudo.

A vida útil do Lume-1 rematará o 30 de xuño, cando se verán cumpridos os obxectivos dos investigadores da Universidade de Vigo. É posible que dure máis tempo tendo en conta que todos os signos son positivos e que xa sucedeu con satélites anteriores.

Isto non quere dicir que a partir desa data xa se poidan detectar os incendios forestais coa investigación desenvolvida por medio do satélite. Aínda que a tecnoloxía estea dispoñible, o que é a incorporación á fase operativa require un tempo de implantación coa incorporación dos sensores de terra e os drons.

Os investigadores da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo están centrados na actualidade neste traballo a tempo completo, pero non perden a ocasión de enviar os seus proxectos a nivel europeo e nacional para a captación de fondos, sempre en temas relacionados co sector espacial.

En total, son dezasete os investigadores que participaron no proxecto do cuarto satélite da Universidade, entre os que se inclúen estudantes, ao ter un carácter didáctico á vez que multidisciplinar. Disto último dá fe a diferente procedencia dos alumnos, pertencentes ás enxeñerías de Telecomunicación, Industriais e Informática.

Lanzar o aparato no foguete custa 150.000 euros

Curiosamente é máis custoso lanzar o satélite que o propio hardware do aparato, se ben é certo que este último supón entre un 15 e un 20% do custo total do proxecto. No caso do Lume-1 o seu lanzamento dende a base rusa de Vostochny a bordo dunha nave Soyuz custou 150.000 euros. Financiado pola Unión Europea, foi adxudicado a través dun concurso público. O Lume-1 pesa pouco máis de dous quilos e ten unhas dimensións de 20 x 10 x 10 centímetros. Orbita a uns cincocentos quilómetros de distancia.

(Fonte: La Voz de Galicia)