Empresas e investigadores galegos traballan en 162 proxectos sanitarios innovadores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Dispositivos de telemedicina, asistencia remota, localización, xestión electrónica de historias clínicas ou de centros sanitarios son a unión de dous elementos que a Xunta quere potenciar como fonte de riqueza e emprego: a saúde e a tecnoloxía. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica recompilou todos os proxectos innovadores no ámbito sociosanitario en Galicia. Pretende coñecer o que hai e orientar así as súas políticas.

E o que hai son 162 proxectos desenvolvidos por 43 grupos de investigación das tres universidades, centros tecnolóxicos e empresas. "Isto pon de manifesto o potencial do sector tecnolóxico galego para desenvolver iniciativas que melloren a calidade dos servizos sanitarios e favorezan a súa sustentabilidade", asegurou a secretaria xeral de Innovación, Mar Pereira, na presentación deste Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia.
 
Os proxectos rexistrados abarcan un amplo abanico de innovacións. O comunicador de pacientes hospitalarios, por exemplo, está destinado a persoas que non poden usar a linguaxe convencional escrita. Desenvolve unha serie de pictogramas que poden resultar útiles para pacientes que de forma transitoria ou permanente, debido a distintas patoloxías ou tratamentos, son incapaces de falar e teñen mobilidade reducida.
 
Outra iniciativa ten que ver con telexerontoloxía. É un recurso de apoio domiciliario ás persoas maiores ou con perda de capacidade funcional que nace da teleasistencia clásica e se apoia nas novas tecnoloxías da información. Posibilita realizar valoracións cognitivas en liña e personalizar accións terapéuticas.
 
No mesmo ámbito, un proxecto de teleasistencia para persoas xordas pretende fomentar a súa inclusión social e facilitarlles o acceso a estes servizos nas mesmas condicións que a quen pode oír. O proxecto estuda e desenvolve a tecnoloxía necesaria para poñer en marcha esta teleasistencia.
 
Son tres exemplos dos 162 proxectos rexistrados por Innovación. Corenta deles están desenvolvidos por grupos de investigación das tres universidades galegas. A maioría das iniciativas, 102, proveñen de 24 empresas (oito de gran tamaño, o resto son pemes). O resto, 20 foron iniciados por tres centros tecnolóxicos.
 
O interese da iniciativa privada centrouse fundamentalmente nos campos da historia clínica dixital e a telemedicina; mentres que as universidades e os centros tecnolóxicos enfocáronse ata o momento cara tecnoloxías de apoio á decisión clínica e de asistencia social. Os investimentos xerados polos proxectos innovadores no ámbito sociosanitario ascenderon a 2,3 millóns en 15 deles en 2009 e a 5,5 millóns para 19 iniciativas o ano pasado.
 
O obxectivo da Xunta, segundo dixo Pereira, é deseñar as tecnoloxías de futuro e as vías de financiamento para "levar a investigación ao mercado". "O mapa de capacidades tecnolóxicas representa un punto de partida para orientar as políticas públicas e encaixa coas prioridades establecidas polo Plan Estratéxico 2010-2014 con horizonte en 2020, entre as que se encontran impulsar a economía do coñecemento e a atención sanitaria", asegurou.
 
O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela, chamou os axentes a cooperar no desenvolvemento dos proxectos e defendeu o recurso a fórmulas de financiamento público-privado para sacalos adiante. Varela destacou que este mapa é unha ferramenta "moi valiosa" para a Consellería de Sanidade, que fixou entre os seus obxectivos o desenvolvemento da teleasistencia.
 
(Fonte: Galiciae)