As empresas de Tecnópole beneficiaranse da nova web deseñada polo Inorde para activar a exportación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Subirse ao carro das novas tecnoloxías é a materia pendente nalgúns sectores do ámbito empresarial, por iso dende o Inorde fíxose unha aposta por conseguir este posicionamento a través da creación dunha páxina web que aglutinará a pequenas e medianas empresas (pemes) da provincia de Ourense para favorecer a súa internacionalización.

A plataforma dixital Ourense exporta, presentada na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, crea unha rede de exportacións e convértese así no maior directorio do comercio exterior da provincia ao agrupar, nunha mesma ferramenta tecnolóxica, os datos básicos, os produtos e a oferta de cada unha das firmas adheridas.

A iniciativa presentouse nun acto que contou coa presenza do presidente do polígono empresarial, Elías Mera; o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e o profesor Jim Driscoll, coach do Estado de Texas, quen visitaba a provincia de Ourense para achegar os seus coñecementos no ámbito da exportación e importación en Estados Unidos.

Na súa intervención, Jim Driscoll apuntou a idea de crear un logo rexional que achegue visibilidade e identidade aos produtos galegos exportados para crear un vínculo entre Galicia e produción que poida fomentar o turismo.

A posta en marcha desta web busca converter a un número significativo de pemes ourensás en exportadoras regulares e facer desta opción unha actividade próxima, cotiá, rendible e duradeira no tempo. Esta ferramenta, que está aberta ao conxunto das empresas e dos parques da provincia, buscará alcanzar forte representatividade entre as máis de 500 sociedades con sede no polígono de San Cibrao, no Parque Tecnolóxico de Galicia ou nos parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros, cos que a Deputación Provincial asinou en xuño de 2012 un proxecto de internacionalización de empresas.

O que será o maior directorio e a maior rede de empresas exportadoras de Ourense estréase coa presenza dunha vintena de firmas representantes de seis sectores: alimentación, automoción, enxeñería, construción, téxtil e calzado. Nos próximos meses irá crecendo en número de adhesións e de sectores representados, ao actuar como plataforma para aquelas empresas da provincia que están a procurar ampliar horizontes como alternativa á crise económica.

Nesta páxina, que pretende expoñer nos mercados exteriores todo o potencial exportador da provincia, poderanse divulgar, cun só clic, presentación e novidades nas principais redes sociais. Será así un escaparate de innovación, da creatividade e da produtividade ourensá, converténdose nunha ferramenta interactiva que guiará as pemes ourensás no labor de abrirse á internacionalización.

(Fonte: Faro de Vigo)