As empresas de Tecnópole aumentaron a súa facturación en 44,1 millóns de euros e xeraron 139 empregos en 2011

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As empresas de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole conseguiron incrementar o seu volume de negocio en 44,1 millóns de euros durante o ano 2011 sobre o exercicio anterior. A facturación total pasou dos 170,8 millóns contabilizados ao peche de 2010 aos 214,9 millóns rexistrados en 2011, o que supón un aumento do 25,7%.

Polo que respecta ao emprego, ao final de 2011 o total de traballadores que realizaba a súa actividade laboral nas empresas de Tecnópole era de 1678, un 9% máis que en 2010. Isto supuxo a creación de 139 empregos sobre os 1539 cos que se pechaba o exercicio anterior.

A directora de Tecnópole, Luisa Pena, felicitou os empresarios por estes excelentes resultados, "especialmente meritorios tendo en conta o contexto de crise, o que demostra que a aposta pola innovación que caracteriza a actividade que aquí se desenvolve é unha aposta sólida e segura". Esta mensaxe foilles trasladada aos directivos das empresas durante a xornada que a sociedade xestora do Parque Tecnolóxico de Galicia celebrou o pasado mércores para facer balance, explicarlles os seus proxectos de futuro e recoller as súas suxestións e demandas.

Pena apuntou que, sumando a facturación da sociedade xestora á das empresas, o volume de negocio total de Tecnópole en 2011 alcanzou os 216,9 millóns de euros. Ademais, recordou que a sociedade xestora logrou incrementar nun 21,4% os seus ingresos durante o pasado exercicio, mantendo a facturación por servizos e alugueres e incrementando o financiamento para a realización de proxectos, ademais da súa actividade como entidade colaboradora do Ministerio de Economía e Competitividade para tramitar as axudas a empresas instaladas en parques científicos e tecnolóxicos.

Por outra banda, informou as empresas sobre o comezo das obras de urbanización da primeira fase da ampliación da superficie do Parque Tecnolóxico, acabadas de adxudicar. Esta actuación suporá un investimento de 1,7 millóns de euros e permitirá urbanizar 80.000 metros cadrados cun prazo de execución de 6 meses.

20 aniversario

A directora de Tecnópole anunciou que o evento central da celebración do 20 aniversario da entidade terá como protagonistas precisamente as empresas. "Como non podía ser doutro xeito, xa que se podemos facer un balance tan positivo destas dúas décadas é grazas ao voso esforzo continuado e á vosa contribución para que o obxectivo inicial de converter Tecnópole no ámbito de innovación de referencia en Galicia se cumprise de xeito efectivo,", expuxo aos empresarios.

Este evento, que se celebrará no mes de outubro "coincidindo exactamente co 20 aniversario da posta en marcha do Parque Tecnolóxico de Galicia", estará centrado na interrelación entre as empresas, de maneira que as máis consolidadas poidan compartir a súa experiencia coas máis novas e estas últimas se dean a coñecer para favorecer a colaboración entre unhas e outras.

Ademais, Pena anunciou a inminente presentación e posta en marcha dun novo espazo de servizos en Tecnópole: a sala de coworking, especialmente deseñada para o colectivo dos profesionais autónomos.

En liña coa tendencia estatal

O balance económico de Tecnópole está en liña co rexistrado polo resto dos parques científicos e tecnolóxicos do resto do Estado, aínda que superando o nivel medio de crecemento tanto en facturación coma en emprego.

Recentemente, con motivo da celebración da asemblea da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), dábase a coñecer que durante 2011 a facturación nos parques españois creceu un 8,2% e o emprego un 6%.

En total, as máis de 6000 empresas que desenvolven a súa actividade en parques científicos e tecnolóxicos de España sumaron unha cifra marca de volume de negocio durante o exercicio pasado, alcanzando os 23.254 millóns de euros, o que supón o 2% do Produto Interior Bruto.

Polo que se refire ao emprego, o incremento rexistrado en 2011 elevou a cifra de traballadores dos parques españois a 154.187 persoas. Deles, o 18,4% dedícanse especificamente a tarefas de I+D, o que supón o 13% do emprego I+D en España.

Na reunión da APTE celebrada en Madrid constituíuse o novo comité executivo da entidade, no que a directora de Tecnópole, Luisa Pena, se integra como vicepresidente.

(Fonte: Tecnópole)