Empresas de Galicia e Portugal accederán a clouds de supercomputación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro de supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración cos Centros Tecnolóxicos AIMEN, CATIM e AIMMAP abre ás pequenas e medianas empresas de Galicia e o Norte de Portugal a plataforma de computación científico-técnica de alta capacidade CLOUDPYME.

Este CLOUD, baseado en tecnoloxías de última xeración, está sendo desenvolvido no marco do proxecto CLOUDPYME para satisfacer as necesidades computacionais das empresas da Eurorrexión para o desenvolvemento dos seus produtos.

A simulación numérica é unha ferramenta fundamental para a competitividade das empresas, facilitando a xeración de novos produtos sólidos e con gran calidade, reducindo os custos do seu desenvolvemento. Habitualmente, a empresa que xa utiliza a simulación emprega a súa propia infraestrutura informática, bloqueando a mesma para outras tarefas necesarias ou limitando o número de ensaios. Esta nova plataforma elimina estes inconvenientes, abrindo tamén a posibilidade de utilizar simulación numérica a aquelas empresas que aínda non a utilizan nos seus procesos de innovación, incrementando a súa competitividade.

A plataforma permite ás empresas conectarse á infraestrutura tecnolóxica instalada no Centro de supercomputación de Galicia e ensaiar cos seus prototipos virtuais baixo demanda á medida das súas necesidades, de forma segura e confiable.

Inicialmente a plataforma ofrece o acceso a software de código aberto para CAD e CAE, que se adapta ás necesidades das empresas que están a desenvolver novos produtos. Con todo, a plataforma permite a instalación doutro software de cálculo ou análise de datos que a empresa necesite para os seus procesos de innovación.

A plataforma ten o apoio dunha infraestrutura de computación estable e confiable, formada por máis de 1200 procesadores e 31.000 GB de espazo en disco, de tal forma que a empresa usuaria poida facer aqueles ensaios virtuais que considere necesarios sen limitarse por falta de capacidade, co fin de crear novos produtos competitivos.

O proxecto CLOUDPYME dá a oportunidade de probar esta nova plataforma de forma sinxela, por un tempo limitado, e sen que se lle repercuta ningún custo pola súa utilización. Xa pode solicitar o acceso a través da páxina web http://www.cloudpyme.eu.

Proxecto CLOUDPYME

O proxecto CLOUDPYME está creando unha infraestrutura sustentable de soporte ás pequenas e medianas empresas do sector manufactureiro para mellorar a súa competitividade internacional a través da inclusión de software libre de CAD e CAE que lles axude a mellorar o deseño dos seus produtos e procesos.
O proxecto está desenvolvido polo CESGA e o Centro Tecnolóxico AIMEN (en Galicia) e os Centros Tecnolóxicos CATIM e AINMAP (no Norte de Portugal) e ofrece non só capacidade de computación senón tamén soporte técnico asociado ao deseño e simulación numérica de produtos.

Está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro da segunda convocatoria de proxectos do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

(Fonte: CESGA)