A empresa de Tecnópole Ingeo participa no proxecto PIXIL, que busca o crecemento da enerxía xeotérmica na rexión pirenaica

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A empresa de Tecnópole Ingeo -Investigación Geotérmica- é un dos socios participantes no Proxecto de xeofísica para xeotermia PIXIL, xunto ás firmas catalás ALB Sistemas e Quali Geotermia. Trátase dun proxecto integrado na súa maioría por académicos do sector xeofísico, cuxo obxectivo é a creación de tecnoloxía software para asistir nos traballos de xeotermia, en particular no relativo á fase de exploración, aínda que se podería ampliar a outras fases. O ámbito de actuación deste proxecto é principalmente a zona pirenaica.

O proxecto PIXIL é un esforzo de colaboración científico-tecnolóxica transfronteirizo (España, Francia e Andorra) e multidisciplinar, que busca desenvolver as ferramentas máis punteiras para analizar o subsolo, con especial interese en favorecer o crecemento da enerxía xeotérmica na rexión. O proxecto contribuirá a facer da zona transpirenaica un referente en tecnoloxía de caracterización do subsolo nos vindeiros dous anos e a súa consecución espera servir de impulso á creación de emprego e riqueza na zona, relacionados coa análise e xestión de recursos naturais subterráneos.

PIXIL ten un marcado perfil de investigación, onde prima a colaboración científica entre os centros e cuxos resultados son avances no campo das matemáticas aplicadas e as simulacións numéricas para imaging do subsolo.

O proxecto está cofinanciado ao 65% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Francia-Andorra (POCTEFA 2014-2020). O obxectivo do POCTEFA é reforzar a integración económica e social da zona fronteiriza España-Francia-Andorra. A súa axuda concéntrase no desenvolvemento de actividades económicas, sociais e ambientais transfronteirizas a través de estratexias conxuntas a favor do desenvolvemento territorial sustentable.

Ingeo foi creada no ano 2007 e é unha das enxeñarías pioneiras no estudo das propiedades xeotérmicas do terreo no ámbito nacional. Na actualidade posúe unha acreditada experiencia no deseño de máis de 80 instalacións, algunha delas catalogada entre as cinco máis grandes de Europa.

Fonte: Tecnópole