Unha empresa de Tecnópole destaca no sector do renting tecnolóxico estatal

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Alugar mediante o sistema de renting baterías eléctricas para o autoconsumo ou software moi específico. Ese é o modelo de negocio que ten en marcha a financeira Infinitus Rent e que opera dende hai sete anos dende o Parque Tecnolóxico de Galicia.

A súa aposta polo sector da especialización tecnolóxica e a industria 4.0 valeulle o recoñecemento do sector, xa que acaba de ser incluída na Asociación Española de Leasing e Renting.

A filosofía que está detrás deste modelo de negocio susténtase na velocidade coa que a tecnoloxía queda desfasada e o complicado que é ter sempre os últimos equipamentos en negocios moi específicos. Por iso, dende Infinitus Rent apostan por alugar ás empresas estes recursos, toda vez que supoñen o sistema máis económico e operativo.

A súa especialización permítelles, segundo explican dende a compañía tecnolóxica ourensá, chegar a nichos de mercado no que aínda non están presentes as grandes financeiras.

Tamén contan co apoio doutras empresas do grupo empresarial do que forman parte (IT Capital), como é o caso de Conexiona, e que se converte nunha fonte de operacións para pechar contratos vinculados ao aluguer tecnolóxico. E é que, precisamente, un dos seus segredos pasa por xestionar operacións de renting que as financeiras tradicionais non afrontan como é o caso das enerxías renovables, o Internet das cousas ou o autoconsumo.

Carlos Manuel Sande, conselleiro de Infinitus Rent, explica cales son na actualidade as súas principais carteiras de negocio: "Os Nosos produtos estrela son os que proceden da empresa Conexiona e que se engloban dentro dos denominados IoT (Internet das cousas) e que pasan por ser capaces de automatizar calquera tipo de sistema. Outra liña de mercado forte que temos son as medidas de aforro enerxético que buscan implantar as compañías eléctricas".

O volume das operacións que financian a través de renting dende a compañía asentada no Parque Tecnolóxico de Galicia sitúase entre os 5000 e os 20.000-25.000 euros e na súa carteira de clientes atópanse comunidades de propietarios de diferente índole, e que non adoitan estar no radar de acción das grandes financeiras.

Os inicios

O proxecto de Infinitus Rent arrancou cando comprobaron que outra das firmas do grupo (Conexiona) tiña un amplo volume de pedidos de empresas para a adquisición de produtos tecnolóxicos, que remataban sendo financiadas por empresas externas grazas á súa mediación. "Comezamos con operacións moi pequenas e sen risco, e pouco a pouco fomos crecendo ata consolidarnos", sinala Carlos Manuel Sande. E é que para a empresa galega entrar na asociación nacional supuxo dar o salto á "primeira liga das financeiras" e un plus de garantía de calidade e seriedade de cara aos seus clientes.

Os plans de futuro para a empresa afincada na Tecnópole, e que foi creada por varios empresarios do sector tecnolóxico e financeiro, pasa por expandirse no mercado internacional. Neste sentido, Infinitus Rent constituíu recentemente unha filial en Portugal co obxectivo de dar o salto a este mercado co apoio dun fondo americano. A medio prazo, a prioridade da empresa galega será consolidarse en España e Portugal.

(Fonte: La Voz de Galicia)