A empresa Tastelab, integrada no programa Connect-19, deseñou un kit innovador que permite a detección precoz do coronavirus a través do móbil

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A medida que avanza a pandemia e o coñecemento sobre a covid-19, os científicos teñen máis claro que a perda de olfacto e gusto é un dos síntomas maioritarios e dos primeiros en aparecer, ás veces mesmo o único. Con toda a súa experiencia en análise sensorial, a empresa Tastelab conseguiu deseñar un innovador kit que permite a detección precoz da enfermidade a través do teléfono móbil. Este proxecto permitiulles entrar a formar parte do programa Connect-19, promovido por Tecnópole e a Xunta de Galicia.

O nariz é unha das portas de entrada ao corpo para o coronavirus. Ao SARS-CoV-2 non lle custa entrar nas células do olfacto porque unha das súas proteínas, a spike ou S, funciona como chave. Invade os receptores odorantes e altera ou deixa sen o sentido (anosmia) á maioría dos pacientes diagnosticados, segundo a Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía. O mesmo fai co gusto (axeusia). As dúas anomalías aparecen entre os primeiros síntomas da enfermidade.

“Non é nada novo para nós porque eses dous termos forman parte do noso día a día”, sinala Maruxa Quiroga, cofundadora e CEO de Tastelab, a pioneira start-up lucense especializada en análise sensorial. Da súa experiencia directa co gusto e o olfacto nace un kit para a detección precoz do coronavirus. O proxecto foi seleccionado para incorporarse á aceleradora Connect-19, destinada a impulsar a comercialización de solucións contra os efectos sociais e económicos da covid-19.

Seis olores e catro sabores

O equipo de Tastelab deseguida se puxo a botar unha man cando ao comezo da pandemia empezaron a saír á luz evidencias claras dos problemas de olfacto e de gusto nos pacientes con covid-19. Os seus castings de catadores inclúen probas de olor, sabor e visuais. “Aí decatámonos de que podiamos achegar algo de valor adaptando o noso sistema para un uso totalmente individual –apunta Quiroga– porque nestas circunstancias non se pode compartir o instrumental”.

O dispositivo, chamado Senseskit A, inclúe seis olores e catro sabores asociados a diferentes nervios da zona do cerebro que se encarga das funcións sensoriais. Abonda con poñer dúas pingas nun papel e probar. O posible enfermo responde a un cuestionario nunha web a través do móbil e un software específico procesa a información para realizar o diagnóstico. “O Connect-19 foi fundamental porque tivemos que crear toda a parte comercial. Desde o redeseño do produto á páxina web”, sinala Maruxa Quiroga, quen resalta “o importante que é o apoio institucional na innovación cando non existe un mercado maduro e hai que gañar tempo”.

Fonte: Tecnópole