A empresa galega Primux Tech activa a súa política de responsabilidade social colaborando con Down Galicia e España

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A empresa galega Primux Tech, especializada no deseño e comercialización de produtos de electrónica de consumo, activou a súa política de responsabilidade social corporativa colaborando coa asociación Down España e a súa filial Down Galicia.

No marco deste compromiso, tras recibir a proposta de Down Ourense (federada en Down Galicia), a empresa ofreceu o seu primeiro contrato laboral a David Novoa, un ourensán de 26 anos que se integrou no cadro de persoal por un período mínimo de un ano. David conta co apoio dunha preparadora laboral de Down Galicia e, como todos os novos empregados, recibe formación e apoio continuado dos seus compañeiros para ser autónomo nas súas funcións dentro do departamento de Loxística e Calidade, onde se ocupa do inventariado de pezas de reposto, tarefas de retractilado e organización do almacén do departamento técnico posvenda, entre outras funcións.

Ademais, recentemente a empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia participou como patrocinadora no 2º Encontro Nacional de Xuventude Down España, celebrado en Santiago de Compostela a finais de maio co fomento da autonomía, a autodeterminación e as habilidades para vivir de forma independente como temas centrais.

"Estamos comprometidos cos retos da sociedade e, a pesar de que non somos aínda unha grande empresa, queremos contribuír na medida das nosas posibilidades ao seu desenvolvemento", explica Daniel Rodríguez, CEO de Primux, que engade a intención da empresa de que a súa iniciativa sirva de inspiración para outras pemes galegas.

(Fonte: Tecnópole e Primux)