A empresa galega Abeconsa e a UDC desenvolven un sistema construtivo que aforra 30% nos custos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A empresa galega Abeconsa e a Universidade da Coruña (UDC) colaboran no deseño dun novo sistema construtivo que podería permitir un aforro do 5% no tempo de execución das obras e un 30% no seu custo.
 
"Este proxecto demostra que as casas si se poden empezar polo tellado", explicaba o xerente de Abeconsa, José Luis Molina, na presentación do novo proxecto, enmarcado no Plan de I+D+i da construtora, pertencente ao grupo galego Fomento de Iniciativas.
 
O proxecto, desenvolvido por un equipo de investigadores pertencente á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, permitirá deseñar un sistema construtivo que suporá un importante avance nos procesos de execución de obras en altura.
 
Grazas a este sistema poderanse executar edificacións de varias plantas dende a cota "0", é dicir, dende o nivel do terreo, sen necesidade de elevar maquinaria nin persoal.
 
Isto significará, segundo sinalou o xerente de Abeconsa, "numerosas vantaxes, a primeira e máis importante en canto a seguridade laboral, xa que os traballadores non terán que traballar en altura, o que reduce drasticamente os riscos de accidente, xa que as caídas encabezan o ránking de sinistralidade laboral neste tipo de obras".
 
Tamén destacou a redución de medios mecánicos e auxiliares como guindastres ou estadas, reducindo grazas a iso o impacto visual e tamén os custos, grazas a un menor gasto en material e a tempos de execución máis curtos.
 
O sistema construtivo parte dunha cimentación sobre a que se monta o primeiro forxado, que se eleva mediante gatos hidráulicos. Os forxados únense con paneis portantes de aceiro, neste caso, e todo o conxunto se eleva nun proceso cíclico que se repite tantas veces como plantas ten o edificio.
 
Unha vez deseñado o sistema e estudado a súa viabilidade mediante simulación, a través de Abeconsa abordarase a súa aplicación sobre o terreo de xeito real, nun proceso que durará en torno a un ano e cuxos resultados  "poderían revolucionar o sistema de construción que se emprega actualmente".
 
Segundo os cálculos que se manexan no proceso teórico a redución do tempo de execución da obra podería reducirse nun 50% e os seus custos nun 30%, ao non se precisar elementos auxiliares como estadas ou guindastres e como consecuencia precisamente da redución dos prazos de execución.
 
(Fonte: EFE)