Emprendemento verde e baixo en carbono en Galicia e Castela e León

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Apoiar innovadores modelos de negocio enfocados cara a unha economía circular e baixa en carbono en empresas acabadas de crear ou en fase de desenvolvemento de Galicia e algunhas provincias de Castela e León. Este é o obxectivo do proxecto Low Carbon Innovation, a aceleradora para emprendedores verdes impulsada pola Escola de Organización Industrial (EOI).

Segundo explicou Teresa Martínez Tomé, xefa de Programas de EOI, a finalidade pasa por "potenciar unha competitividade sustentable do tecido económico das rexións onde se vai implantar e favorecer as iniciativas emprendedoras que se centren en actividades relacionadas coa eficiencia dos recursos, especialmente enerxéticos. Igualmente, búscase mellorar a competitividade empresarial da zona e atopar nichos de mercado para novos servizos e produtos relacionados coa economía verde e economía circular".

A iniciativa diríxese a emprendedores que traballen en torno á redución de impactos ambientais, a eco-innovación en produtos ou servizos, as enerxías renovables, a eficiencia enerxética ou a optimización de recursos naturais. Os proxectos candidatos deberán, así mesmo, ter base en Galicia ou nas provincias de Zamora, Salamanca, Ávila, León e Valladolid.

O programa, cuxo prazo para inscribir as candidaturas finaliza o próximo 28 de febreiro, é gratuíto e ofrecerá aos seus participantes mentorización individualizada para poñer en marcha estes proxectos empresariais así como formación especializada a través de talleres, sesións de networking e servizo de seguimento en remoto por parte dos expertos asesores. Finalmente, a idea é crear unha Rede de Emprendemento Verde na que os participantes establezan colaboracións e poidan participar en foros con investidores especializados en economía verde e sustentable.

Emprendemento verde, oportunidades reais

Segundo indicou Martínez, "o emprendemento verde está a dar lugar a oportunidades reais de xerar emprego, á vez que promove novos modelos empresariais que fagan un uso máis eficiente dos recursos". Por iso, ao seu xuízo, este contexto é o propicio para adoptar "un modelo produtivo máis sustentable" co que poder "desenvolver unha estratexia de carácter global que nos permita dirixirnos cara a unha verdadeira economía circular, unha oportunidade para impulsar o crecemento económico e mellorar o benestar dos cidadáns".

(Fonte: Innovaspain)