O emprego tecnolóxico creceu en Ourense un 17% nun ano

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

As empresas do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) de Ourense meteron unha marcha máis e o emprego está a crecer a dobre díxito cada ano. A futuro, estas actividades poden permitir reter talento, tamén rexuvenecer o tecido sociodemográfico provincial.

Segundo os datos da Seguridade Social, en outubro deste ano había na provincia 660 afiliados neste sector fronte aos 546 contabilizados no 2016; é dicir, o incremento foi do 17,3%. Dos 660 cotizantes, 448 están adscritos ao epígrafe de programación, consultoría e outras actividades de informática, mentres que 192 máis se inscriben no apartado de telecomunicacións. Os contratos tamén van a máis, cun incremento do 38,4% en setembro sobre o mesmo mes do ano anterior e un 20% sobre agosto. Pero o emprego do sector podería ser maior se se suman os profesionais autónomos.

"En Ourense pódense crear tecnoloxías para outras provincias, tamén para outros países", resume Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do campus de Ourense. Non lle estraña o dato de crecemento de emprego porque "está en liña co que nós como facultade ou mesmo como sociedade estamos a detectar".

No ano 2009, polo tanto cos primeiros golpes da crise, había na provincia 142 afiliados á Seguridade Social no epígrafe de programación ou consultoría TIC e hoxe a cifra sobe ata os 448 empregados adscritos a este epígrafe. A iso contribúe a cantidade de empresas do sector que nos últimos anos apostaron por Ourense. Outras, xa máis veteranas, seguen incrementando as súas nóminas. Jorge Vázquez fundou Redegal no ano 2004, no 2012 eran 12 traballadores "e agora somos 98 persoas entre persoal en nómina e servizos externalizados". Segundo as súas estimacións, "o número de empregados crece entre un 25% e un 30% anualmente".

Gran crecemento

As actividades das empresas tecnolóxicas van crecer de forma "exponencial" durante os próximos anos, polo tanto o emprego crecerá na mesma proporción. Andrés Mazaira, coordinador do Observatorio Económico Ourensán, sostén que ese incremento na demanda "se vai producir xa non só pola transformación dixital ou a intelixencia artificial, senón porque moitos sectores teñen que asumir o cambio tecnolóxico e a dixitalización".

En opinión de Mazaira, a provincia ten "vantaxes competitivas" para facerse forte no sector TIC: "Por unha parte a Escola de Informática, a Facultade de Aeronáutica ou o dobre grao de Informática e Empresa, que poden dar unha formación específica moi importante, pero tamén o Parque Tecnolóxico, que pode axudar a mellorar a competitividade".

A Unión Europea calcula que se crearán 900.000 empregos en profesións TIC ata o 2020 en todo o continente "e Ourense ten moito que dicir aí", engade Francisco Javier Rodríguez. Tamén el se apunta á hipótese de que "podemos aproveitar a circunstancia de que o traballo non está localizado, polo tanto dende Ourense pódese desenvolver software e outros produtos que logo se montan noutros lugares, en calquera país".

(Fonte: La Región)