Eléctrico, autónomo e con voz: así é o coche que PSA Vigo oculta no búnker

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O coche do futuro será eléctrico, terá funcións de condución autónoma, conexión 5G e asistente intelixente de voz, entre outras innovacións. E estará fabricado en Galicia. Así é o novo lanzamento que o grupo francés PSA asignou á planta de Vigo para a súa saída ao mercado a finais do 2019.

O vehículo, denominado internamente Proxecto V20, desenvólvese na factoría, agora convertida en búnker (dende o pasado mes de setembro atópase en alerta de máxima confidencialidade), co apoio da enxeñería do CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) e do parque galego de provedores integrado por 118 fabricantes de compoñentes agrupados a Ceaga, o Clúster de Empresas de automoción de Galicia. Hai outros moitos socios internacionais que participan no desenvolvemento deste modelo que se enmarca na gama SUV (sport utility vehicle, polas súas siglas en inglés), o relevo no mercado do Peugeot 2008.

Características do vehículo autónomo

Fontes do sector explican que este novo modelo representará a nova xeración de vehículos xerados en PSA baixo as premisas da marca Tavares (o presidente do grupo): electrificación e conectividade. A propia factoría viguesa, que dende principios de mes está dirixida por Ignacio Bueno (exexecutivo de Opel en Alemaña) confirmou que o novo SUV sairá ao mercado xa en versión eléctrica, coa motorización ensamblada na propia factoría, a única do grupo que conta cun taller de montaxe de baterías de ión-litio, que produce un provedor xaponés.

O novo todocamiño tamén incorporará funcións avanzadas de axudas intelixentes á condución (ADAS) que achegan información como o recoñecemento dos sinais de velocidade ou o regulador de velocidade activo con función stop, que adapta a velocidade do vehículo ás condicións da vía podendo mesmo chegar a deter o vehículo.

O vehículo contará nas súas versións máis altas coa tecnoloxía de comunicacións 5G que permite conexión en tempo real, e estará equipado cun asistente intelixente con recoñecemento de voz. "Mediante un só comando de voz, o condutor poderá regular a temperatura, ventilación e mesmo dirección do aire acondicionado, por poñer un exemplo. Permite ao condutor conversar dunha forma moi natural e efectiva co seu vehículo", explican fontes do proxecto.

Unidades de proba

As primeiras unidades de proba empezaranse a fabricar en primavera. PSA apostou por Vigo para desenvolver este produto confiado no seu gran potencial de mercado. Dende que chegase a España no ano 2013 e ata case finais deste ano 2018, Peugeot comercializou en España máis de 90.000 unidades do modelo 2008 que será relevado polo V20. Esta cifra permitiulle ser o segundo modelo máis vendido da súa categoría durante os últimos catro anos.

Este tirón do mercado nacional e do resto de mercados, que con toda probabilidade conseguirá o novo Peugeot 2008, xunto coas novas furgonetas, permitirá á planta de PSA Vigo poder achegarse á súa marca de produción fixada no ano 2007 con 547.000 vehículos, o que confirmaría á galega como a primeira planta do grupo PSA nivel mundial.

O CTAG, copiloto galego infalible

En España hai 17 fábricas de coches, pero só algunhas marcas realizan o desenvolvemento dos seus produtos e das súas novas tecnoloxías no territorio español. O grupo PSA é un dos que inviste máis diñeiro cada ano neste tipo de tecnoloxías. E faino, en boa medida, co apoio do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. É un centro creado no ano 2002 como unha fundación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é o crecemento e a mellora da competitividade da industria do automóbil de Galicia. Un centro que, precisamente por este motivo, non é exclusivo de PSA xa que todas as empresas poden recorrer aos seus servizos.

PSA, co seu socio galego CTAG, está a desenvolver o vehículo autónomo en tres fases diferentes. A primeira supón o desenvolvemento e implementación da condución asistida. Nunha segunda etapa trabállase na condución automatizada, que está moi preto da súa consecución nestes momentos. Esta segunda fase permite ao condutor circular cun menor grao de atención en vías de alta capacidade, autoestradas e autovías. E tras estas dúas fases chegará a terceira: a condución autónoma real, un fito que a multinacional sitúa no horizonte do 2022.

En colaboración cos enxeñeiros do CTAG, PSA foi o primeiro construtor en probar o vehículo autónomo nunha estrada aberta ao tráfico en España en novembro do 2015, e o primeiro que efectuou probas con persoas consideradas «non expertas» detrás do volante dende marzo do 2017 en Francia. En total, os diferentes prototipos do grupo PSA xa lograron percorrer 125.000 quilómetros en modo autónomo en vías rápidas en Europa sen sufrir incidencias.

(Fonte: La Voz de Galicia)