Egatel presenta os seus últimos desenvolvementos en radiodifusión na feira internacional IBC2012

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A empresa Egatel, con sede en Tecnópole, estivo presente un ano máis na feira IBC, que tivo lugar do 6 ao 11 de setembro en RAI Amsterdam, co obxectivo de reforzar a súa presenza no mercado da radiodifusión.

A empresa presentou no seu stand novas configuracións da gama de transmisores UHF de alta potencia cunha alta eficiencia e con refrixeración líquida (serie TLE6800), así como sistemas en media potencia refrixerados por aire capaces de entregar ata 2,4 kW en DVB/ISDB. Igualmente hai que destacar a evolución de moduladores e microtransmisores compactos de DVB-T a DVB-T2 para todo rango de potencias.

Dentro da serie de transmisores con refrixeración por líquido TLE6800, caracterizada polo seu deseño completamente modular, presentouse a opción de integrar o sistema de bombas no mesmo rack que o transmisor, conseguindo así unha redución de custos e espazo en planta moi interesante. A tecnoloxía de transistores LDMOS-50 voltio de última xeración utilizada nos amplificadores proporciona un rendemento moi elevado, minimizando significativamente o consumo enerxético e, polo tanto, os custos de operación.

En refrixeración por aire, ofrécense transmisores baseados no amplificador de 300 Wrms (DVB/ISDB) co que se poden levar a cabo integracións dun máximo de 8 amplificadores, alcanzando potencias de ata 2,4 kW en DVB/ISDB, cun rendemento enerxético moi destacado. Segundo a empresa, con estes amplificadores preséntanse inmellorables valores en parámetros fundamentais da calidade do sinal transmitido, tales como atenuación das ombreiras e MER. A precorrección dixital adaptativa, xa dispoñible na maioría dos equipos de Egatel, permite realizar un cambio de canle de forma totalmente automática. O sistema baséase nunha análise da función de transferencia baseándose na comparación directa entre a entrada e unha mostra da saída.

Con independencia da potencia ou sistema de refrixeración utilizado, Egatel ofrece os seus moduladores en deseños de 1 U 19" para os estándares DVB-T/-H/T2, ISDB-T/TB e ATSC, cumprindo cos máis altos parámetros técnicos de calidade. Destaca a evolución das solucións DVB-T a DVB-T2, que inclúen as solucións máis compactas do mercado de microtransmisores en 1 e 5 W. Así mesmo, utiliza amigables solucións para a operación e o mantemento, como son o uso de programas de control baseados en servidores web embebidos, memorias extraíbles con inserción frontal para a carga e descarga de configuracións e solucións de supervisión remota sobre SNMP.

Finalmente é de destacar a oferta de Egatel, xa moi consolidada, de solucións tipo "gapfiller" en baixas potencias, permitindo traballar igualmente en calquera estándar e coas máis altas prestacións en canceladores de ecos dinámicos.

Egatel é unha empresa especializada na investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar ou difundir sinais de televisión -tanto en formato analóxico como dixital- e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global.

(Fonte: Egatel)