Egatel presenta en Amsterdam unha tecnoloxía capaz de incrementar ata un 42% o rendemento dos transmisores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Egatel, empresa do sector das telecomunicacións situada en Tecnópole, presentará este mes na Convención Internacional de Radiodifusión IBC 2013 unha tecnoloxía capaz de incrementar ata un 42% o rendemento dos transmisores.

No evento, que terá lugar entre os días 13 e 17 de setembro en Amsterdam, Egatel presentará baixo o lema "A tecnoloxía máis avanzada feita para durar" novas configuracións da gama de transmisores UHF de alta eficiencia (Serie HET) tanto en media como alta potencia, refrixerados por aire ou líquido.

Dentro da serie de transmisores con refrixeración por líquido TLE6800, caracterizada polo seu deseño completamente modular, preséntase a opción de integrar o sistema de bombas no mesmo rack que o transmisor.

A tecnoloxía Doherty aplicada nos amplificadores proporciona un rendemento de ata un 42% para estándares ATSC e 38% para COFDM, optimizando significativamente o consumo enerxético e, polo tanto, os custos de operación.

Con independencia da potencia ou sistema de refrixeración utilizado, Egatel ofrece os seus moduladores en deseños de 1 U 19" para os estándares DVB-T/-H/T2, ISDB-T/TB e ATSC, cumprindo cos máis altos parámetros técnicos de calidade. A precorrección dixital adaptativa ofrécese de serie en case todas as configuracións e utiliza solucións intuitivas para a operación e o mantemento, como son o uso de programas de control baseados en servidores web embebidos, memorias extraíbles con inserción frontal para a carga e descarga de configuracións e solucións de supervisión remota sobre SNMP.

Finalmente, é de destacar a consolidada oferta de Egatel en solucións de reemisores en baixas potencias, permitindo traballar igualmente en calquera estándar e coas máis altas prestacións en canceladores de ecos dinámicos, como así o testemuña as referencias da empresa en todo o mundo.

Sobre Egatel

Egatel é unha empresa especializada na investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar ou difundir sinais de televisión -tanto en formato analóxico como dixital- e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global.

Egatel está integrada na Área de Servizos e Tecnoloxía de COMSA EMTE, grupo referente no sector das infraestruturas e a enxeñería. COMSA EMTE suma unha facturación en torno a 2000 millóns de euros, conta cun equipo de máis de 10.000 persoas e presenza en 24 países. O grupo está organizado en tres áreas de negocio: Infraestruturas e Enxeñería, Servizos e Tecnoloxía, e Concesións e Enerxías Renovables.

(Fonte: Egatel)