Economía investirá 980 millóns en innovación en tres anos e prevé a creación de mil empregos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Potenciar a innovación como mecanismo para gañar competitividade e crear emprego. Este é o obxectivo da nova estratexia da Xunta en materia de I+D+i para os próximos tres anos, nos que prevé un investimento de 1775 millóns de euros, 980 procedentes das arcas públicas e 795 da esfera privada. Os resultados a que aspira son a creación de mil postos de emprego para superar os 10.400 no sector, contar cun 15% máis de empresas innovadoras ata superar o millar, elevar o gasto destas neste campo un 20%, o que suporía 600 millóns de euros ao ano e situar o investimento público anual no 1,7% do PIB fronte ao 0,87% de 2016.

O consello da Xunta aprobou na súa última reunión o plan Galicia Innova 2020, un documento no que a Consellería de Economía e Industria traza as actuacións en innovación durante os próximos tres anos, se ben este podería experimentar algunhas modificacións despois de que se presente a axentes sociais e grupos parlamentarios.

Este documento releva ao plan I2C, que establecía un investimento de 1964 millóns de euros (861 de capital privado) en seis anos, fronte aos 1775 para o próximo trienio. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cifrou nun 35% o incremento de fondos, en alusión á desagregación por exercicio. "Galicia non pode perder o tren da innovación. Temos que reter e capturar investigadores de primeiro nivel", fixou como meta tras a reunión do Consello e antes de que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, expuxese as principais liñas de actuación do plan.

Eixes prioritarios

Os sectores prioritarios de actuación serán a construción de drons, a partir do proxecto de Rozas (Lugo); os fármacos e o sector agroalimentario; a enerxía e a xestión de residuos; e a industria 4.0, que aborda a modernización dos procesos industriais mediante a robótica.

As medidas céntranse en agrupar recursos, segundo expuxo Conde. Economía impulsará a creación de hubs de innovación dixital, é dicir, lograr a asociación de empresas de diferentes sectores, investigadores universitarios e administración arredor de actividades económicas concretas, como os fármacos ou a aviación non tripulada de drons, por exemplo, para facilitar que un proxecto universitario poida modernizar unha fase na produción da primeira ou incorporar novas utilidades a segunda. A Xunta exercerá de nexo de conexión.

O plan Galicia Innova 2020 facilitará o financiamento en I+D+i, se ben a Xunta non concretou como, e prevé obter 120 millóns de euros en 2020 grazas a proxectos innovadores financiados pola UE dende 2014, un 38% máis que os 87 obtidos polas accións entre 2007 e 2013.

(Fonte: Faro de Vigo)