Economía e Industria activa un fondo de capital risco para innovación empresarial con 1,65 millóns e unha reserva de 20 millóns para 2012

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O consello da Xunta aprobou na súa última reunión a posta en marcha dun fondo de capital risco para investir en proxectos de innovación empresarial. O Fondo Tecnolóxico I2C, dotado inicialmente con 1,65 millóns de euros para este ano e cunha reserva de crédito de 20 millóns para o exercicio 2012, está promovido pola Consellería de Economía e Industria ao amparo do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015.
 
A Consellería de Economía e Industria dá así un paso importante para inverter o modelo tradicional de investimento público da Xunta en innovación empresarial, dotándoo dunha maior eficiencia. Trátase de introducir fórmulas que, como esta, permitan superar a cultura da subvención mediante lóxicas máis acordes á competitividade dos mercados. O capital risco implicará un sistema de apoio financeiro público-privado que aumentará a esixencia a nivel de resultados para as empresas e que reverterá nas arcas públicas a través da participación nos beneficios. O financiamento privado materializarase como resultado do convite a participar neste compromiso a patrimonios familiares e persoais, empresas, entidades financeiras e sociedades e fondos de investimento, o que permitirá aumentar a aposta económica nos proxectos e compartir o risco asociado a eles.
 
A Xunta de Galicia quere contribuír así a paliar a situación actual de dificultade no acceso a crédito corrente por parte das empresas, que se agrava no caso dos proxectos innovadores pola elevada taxa de risco que se lles asocia. Mediante este novo instrumento preténdese evitar que as iniciativas de alto impacto potencial no crecemento de Galicia queden bloqueadas por falta de financiamento, lastrando así a capacidade competitiva da economía galega.
 
A dotación inicial do Fondo Tecnolóxico I2C está xa comprometida para tres proxectos de pemes galegas dos sectores da biotecnoloxía e da nanotecnoloxía. Os presupostos de 2012 consideran unha reserva de 20 millóns adicionais para ampliar esta aposta a outras empresas con proxectos de innovación en sectores estratéxicos para a economía galega. Especificamente, á marxe dos anteriores, primaranse os investimentos en iniciativas ligadas ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), á sanidade, á educación, á seguridade e ás enerxías alternativas.
 
Os procesos de avaliación que determinarán o financiamento ao amparo do Fondo I2C priorizar, en primeiro lugar, os proxectos de base tecnolóxica, intensivos en coñecemento e con capacidade para desenvolver industrias con alto potencial de crecemento. Será tamén determinante que estean baseados na transferencia de coñecemento e tecnoloxía e que teñan unha marcada vocación internacional. Neste sentido, será prioritario o estímulo á creación de spin-off, é dicir, novas empresas que nacen de grupos de investigación ou mesmo doutras empresas para desenvolver un proxecto de alto contido tecnolóxico.
 
Valorización e innovación
 
A creación do Fondo Tecnolóxico é parte do cambio cultural promovido polo I2C, baseado na unión de investigación e innovación con espírito emprendedor e cunha perspectiva baseada na colaboración, de maneira que os centros públicos de investigación sexan capaces de facer compatible a súa traxectoria de calidade investigadora cunha maior capacidade de valorización, pero tamén que a empresa sexa capaz de interiorizar e sistematizar a rendibilización destes resultados no mercado.
 
(Fonte: Consellería de Economía e Industria)