Dúas semanas de prazo para presentarse aos Premios Galicia Spin-Off

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A II edición dos premios Galicia Spin-off mantén o seu prazo de recepción de candidaturas ata o 31 de xullo. Os galardóns, convocados polo Banco Pastor e GCiencia, presentan como principal novidade o convite a participar a todas as empresas que teñan algún tipo de vinculación coas universidades galegas, tanto no apartado Idea Emerxente (que premia ás empresas e ideas máis innovadoras) como no de Selo de Calidade (que distingue as traxectorias empresariais máis destacadas).

Os promotores dos premios queren recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xorde dende os grupos de investigación universitarios. Ademais, nesta oportunidade, a convocatoria esténdese a aquelas empresas que, aínda que non teñan o recoñecemento especial de spin-off, si que demostren unha especial vinculación co ámbito universitario ou cos centros de investigación dalgunha das tres universidades galegas.

No apartado de Idea Emerxente, os premios Galicia Spin-off distinguirán á creación dunha nova spin-off ou empresa vinculada ao ámbito universitario ou a aplicación dun novo coñecemento, proxecto ou idea desenvolvida nos últimos meses. A empresa gañadora recibirá 2000 euros, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento de Pastor. Tamén haberá un finalista neste apartado que recibirá unha peza de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento de Pastor. O ano pasado a empresa gañadora neste apartado foi a spin-off compostelá Situm e a finalista foi Celtalga Extrac, outra empresa vinculada á Universidade de Santiago.

O apartado Selo de Calidade premiará aquela empresa que consolidase ao longo do tempo unha traxectoria empresarial de prestixio. A gañadora recibirá unha peza física de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento de Pastor. O ano pasado resultou gañadora neste apartado a empresa viguesa Imatia.

Presentación de propostas

As empresas interesadas en participar nos premios, terán que remitir a súa candidatura á dirección de email galiciaspinoff@gmail.com e obterán toda a información necesaria na web que o portal GCiencia ten na sección Galicia Spin-off do seu site Empresa.

Entre os datos que se solicitan aos participantes atópanse unha breve descrición da actividade da empresa e dos méritos que xustificarían a concesión do premio. Ademais, poderán achegar documentación complementaria para xustificar a súa candidatura. Un xurado formado por autoridades do mundo universitario, empresarial e das institucións vinculadas á ciencia elixirá os gañadores, que se darán a coñecer ao longo do mes de outubro.

(Fonte: GCiencia)