Drons antivelutinas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A innovación ao servizo da sociedade. Unha empresa de drons galega, Aerocámaras, acaba de ser galardoada pola Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) como unha das firmas tecnolóxicas emerxentes máis punteiras. O seu proxecto para exterminar a avespa asiática mediante o uso de drons, secundado pola Xunta, foi elixido entre máis de 150 candidaturas e sitúase no alto do podio polo seu potencial e eficacia. 

O sistema na súa nova versión, que bota a andar este febreiro, denomínase Drone velutina 2.0. Foi seleccionado pola Xunta o pasado decembro entre os proxectos a potenciar dende a aceleradora de empresas do sector aeronáutico galego Business Factory Aero e recibirá unha inxección de un millón de euros de entidades de carácter público e privado. 

Os responsables da firma aspiran a que o proxecto "revolucione" o mercado dos drons. A caza dos insectos mediante a utilización de sensores en altura mostrouse eficaz. Os aparatos identifican o lugar exacto no que se atopa o niño e procede a eliminalo mediante unha inxección letal dunha substancia que non prexudica a outras especies. O emprego de drons confirmouse como a única forma posible para dar cobertura antiavespas a extensas áreas de bosque, inaccesibles, por outra parte, co emprego de medios diferentes. 

Os aparatos empregados equípanse con sensores de alta tecnoloxía, cos que se realizan varridos dende alturas considerables. Eses mesmos dispositivos incorporan o líquido letal que promete erradicar as avespas en tempos récord. "Cunha media de quince minutos de neutralización de cada niño o noso proceso constitúe sen dúbida o proceso de maior eficacia existente", explican dende Aerocámaras. 

Na presentación do proxecto, o CEOE e fundador de Aerocámaras, Jaime Pereira, resaltou que "o momento de actuar é agora". Pola contra calcúlase que "en 2025 a praga estará estendida en toda a península e afectará ao noso ecosistema e como consecuencia a nós", engadiu. Con Drone velutina 2.0. preténdese localizar o 100% dos niños xeorreferenciados de xeito automático a través dunha aplicación. 

A Xunta mantén vixente un convenio coa empresa pública de Servizos Galegos para a retirada dos niños, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ao que están adheridos o 90% dos concellos. O equipo de intervención conta con 80 persoas e garante a resposta en cinco días hábiles en colmeas accesibles a menos de 25 metros de altura e superior nos casos máis difíciles. Nestes supostos é onde os vehículos non tripulados mostran todo o seu potencial. O programa Drone Velutina 2.0 entrou na fase de aceleración do Polo Aeroespacial de Galicia. Implica á Xunta, a grandes e pequenas firmas tecnolóxicas e a entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, ao Consorcio Aeronáutico de Galicia e a xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas. 

Galicia é unha das comunidades máis afectadas pola presenza da avespa asiática, onde a praga afectou a panais de abellas locais e aos cultivos. Calcúlase que o insecto, ao ritmo actual, gaña cada ano 100 quilómetros de superficie. 

Fonte: La Opinión