Os drones, unha alternativa con moitas vantaxes para o campo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Ao principio, nos xestos dos agricultores mandaba o escepticismo. «Están moi afeitos ao de sempre, introducir algo novo custa... Pero ao ver traballar a máquina todos cambiaron de idea», asegura o galego Luís Mourín, director responsable de operacións con drones de World Aviation, unha empresa con sede en Madrid especializada en aviación. Ao mugardés Domingo Souto, responsable do patacal onde se realizou a demostración do uso destes aparellos, o resultado pareceulle «moi ben». «Indícache todo, antes de aplicar o tratamento escanea a leira, diche o número de plantas que hai por hectárea, a produción prevista, onde están as pragas [e só dá o produto ás plantas que teñen a enfermidade, co que se aforra diñeiro e tamén hai unha mellora ambiental], a dose de auga e de herbicida é moito menor da que necesitas facéndoo co tractor... O único mellorable é a duración das baterías e a capacidade do depósito», sostén este novo agricultor que cultiva 84 hectáreas de patacas, cebada, trigo do país, nabizas e millo, e traballa outras 190 de herba para forraxe, repartidas entre Mugardos, Ares, Fene e Cabanas.

«Nunha fumigación convencional utilízanse cen litros por cada hectárea, co dron son 60. Ademais, determina onde necesita máis fertilizante ou pesticida», destaca o representante da compañía, que se desprazou a Mugardos por suxestión de Juan Carlos García, piloto de dron que se formou na escola de World Aviation.

Outras vantaxes? «O tractor ten que pisar a leira e por onde pasan as rodas non nace nada; e o tempo é menor, co dron tárdanse 12 minutos por hectárea, e cun tractor, uns 20», enumera. «Non esnaquiza nada», subliña Souto, que se decidiu a efectuar a proba polas dificultades de acceder á leira tras tantas semanas de choiva. «É moi difícil entrar co tractor, danas a colleita e mermas a produción, debaixo das rodas o chan compáctase», sinala.

Mourín estima que con este sistema «pode aumentar a produción dun dez a un trinta por cento». O custo depende do tipo de traballo e a orografía do terreo, e rolda os 800 euros por xornada de servizo en superficies chas. «Para alguén que non teña equipo para sulfatar, contratar o tractor para facelo sáelle por un prezo similar», indica Souto, que apunta unha mellora engadida na calidade do cereal, grazas á repartición máis homoxénea do fungicida.

No seu caso, pola superficie que cultiva, gustaríalle comprar e operar o seu propio dron, o que require unha formación e unha licenza específicas como piloto aplicador para uso de produtos fitosanitarios. «O normal, en Galicia, é que se faga de maneira cooperativa, igual que cando viña a colleitadora do trigo, aproveitaba para traballar nunha zona», apunta Mourín.

A autonomía do Agros T16 DJI, o modelo utilizado, rolda os 12 minutos, e cando se esgota a batería regresa automaticamente para substituíla e para repor o líquido, cambios que se completan en menos de dez segundos. O peso, co depósito de 16 litros cheo, é de 42 quilos, e en condicións perfectas fumiga un dez hectáreas por hora, que en Galicia, pola meteoroloxía máis habitual, pode baixar até sete ou oito. Voa a unha altura de entre 0,50 e 3,50 metros, adaptable ao tipo de cultivo. O representante de World Aviation resalta outro beneficio deste tipo de fumigación: «As hélices, ao empuxar o aire, fan que o chorro entre con moita proxección e non só alcance a parte de arriba da planta».

Fonte: La Voz de Galicia