Douscentos científicos traballan en máis de 90 proxectos no laboratorio europeo de IBM

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Transistores de nanofíos, chips 3D ou tests diagnósticos de silicio, que cunha pinga de sangue 50 veces máis pequena que unha bágoa detectará enfermidades de forma rápida e precisa, son algunhas das innovacións saídas do centro de investigación de IBM preto de Zúric (Suíza). 
 
A última novidade chega en forma de memoria PCM. Os seus creadores aseguran que é cen veces máis rápida que o Flash, e que será tan asequible que se usará tanto en móbiles como servidores a partir de 2016.
 
Xornalistas españois foron convidados ao único laboratorio do xigante azul en Europa, do que saíron dous dos seus cinco premios Nobel. Os seus 200 investigadores de 40 países levan entre mans 90 proxectos para dar resposta aos grandes obxectivos da compañía: o planeta intelixente, a análise predictivo de datos, a Internet das cousas e a computación na nube.
 
A información almacenada duplícase cada dous anos. Se agora se mide en xigabytes en catro anos farase en zettabytes, o que equivale a 250.000 millóns de DVD por cada unidade, segundo Cisco Systems. Tamén aumentan os aparellos conectados en rede, que chegarán a 50.000 millóns en oito anos. A Internet das cousas, onde os obxectos se comunican entre eles sen intervención humana, require de "autoxestión e analítica predictiva de datos, porque non hai suficiente xente no planeta para procesar tanta información", di Ton Engbersen, vicepresidente de IBM Research en Europa. Unha mestura de datos gardados e en tempo real "que só será útil se somos capaces de vaticinar o que transmiten", di o investigador Eric Cope. O seu departamento crea sistemas para predicir o risco bancario co que, por exemplo, 57 grandes bancos comparten datos anonimamente no consorcio ORX.
 
Desde hai 50 anos os procesadores son cada vez máis rápidos, pequenos e baratos. Un proceso de redución de espazo e duplicación de capacidade que se aproxima ao límite e "require un cambio para seguir mellorando o seu rendemento e eficiencia", explica Walter Riess, xefe do departamento de ciencia e tecnoloxía. Este físico apaixónase ao falar do mundo nano e da súa aplicación nos novos materiais, "que impulsarán a innovación. Antes usabamos cinco elementos da táboa periódica para desenvolver chips. Agora, case todos. É fantástico porque podemos investigar moito, aínda que incrementa os custos".
 
Manipular materiais a escala diminuta require condicións especiais, como as do centro de nanotecnoloxía. Este proxecto co Instituto Tecnolóxico de Zúric conta cunha sala limpa en cuxo interior hai "100.000 veces menos partículas que no exterior" e seis laboratorios sen ruído. Alí investigarán en integración 3D, conexións ópticas ou sistemas nanoelectromagnéticos, avances que despois transfiren aos centros de desenvolvemento e se licencia a socios e empresas. IBM ten máis patentes que calquera outra tecnolóxica, das que obtén 696 millóns de euros anuais, "o 1% dos nosos ingresos", asegura Engbersen.
 
Bruno Michel lidera o grupo do que saíu o chip 3D ou a refrixeración por auga. O seu departamento traballa tamén en sistemas de xeración de enerxía térmica e fotovoltaica que á vez dasalará a auga mariña. Nun despacho repleto de artiluxios, Michel asegura que en tres anos "conseguiremos integrar o refrixerador no procesador e para 2025 fabricaremos supercomputadores do tamaño dun sobre de azucre e de mínimo consumo".
 
A eficiencia enerxética é unha obsesión de IBM "para manter o mesmo avance tecnolóxico dos últimos 50 anos", di Michel. E para "coidar o planeta", engade Dieter Gantenbein, responsable de IBM no proxecto Edison, unha infraestrutura intelixente de coches eléctricos alimentados con enerxía eólica en Bornholm, illa danesa do Báltico. "O obxectivo é avaliar o funcionamento do sistema con picos e vales de enerxía e que o vehículo poida fornecer recursos á rede enerxética en momentos puntuais" nun planeta máis intelixente e sustentable.
 
(Fonte: El País)