Donostia albergará o Centro Nacional de Investigación sobre o Envellecemento

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Donostia é definitivamente a elección do Ministerio de Ciencia e Innovación para situar o futuro Centro Nacional de Investigación sobre Envellecemento, unha estrutura cientiÏfica ao maís alto nivel, que atraerá destacados expertos na materia e que contará coas institucións e empresas guipuscoanas que xa veñen traballando neste ámbito.
 
A situación definitiva do novo centro en San Sebastián supón o recoñecemento do esforzo que está desenvolvendo a capital guipuscoana por converterse nunha referencia científica mundial e especialmente no ámbito do envellecemento. E constituirá un motor fundamental no desenvolvemento da investigación, especialmente na investigación básica relativa ao envellecemento. Este proxecto situará a Donostia como referencia internacional nesta materia.
 
O anuncio culmina as negociacións que viñan desenvolvendo o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Goberno Vasco dende o pasado mes de xaneiro e fontes do Executivo de Vitoria sinalaron que o feito de dar a coñecer a decisión en plena campaña electoral se relaciona coa urxencia de despexar cando antes a incógnita da sede, en vista das presións que están exercendo as outras cidades candidatas a albergalo: Barcelona e Valencia.
 
Tres áreas de investigación
 
A posta en marcha do proxecto supón, dende un punto de vista científico, un vertixinoso impulso no ámbito da investigación básica, na clínica e sociosanitaria e na innovación en diagnóstico e coidados. Segundo os datos facilitados pola ministra, o CNIE ocuparase de investigación básica sobre o envellecemento celular e as causas biolóxicas, xenéticas e ambientais que o producen. Ademais, terá unha vertente destinada á xeración de coñecemento aplicado aos ensaios clínicos, tanto no que se refire ao envellecemento en si coma aos problemas dexenerativos asociados á idade.
 
O obxectivo céntrase no desenvolvemento de solucións para afrontar o problema do envellecemento, tanto dende o punto de vista epidemiolóxico, de saúde pública e de asistencia sanitaria. Segundo fontes do Goberno Vasco, a investigación tamén se relaciona coa busca de fórmulas que melloren os servizos sanitarios que precisan as persoas maiores, especialmente nas etapas nas que necesitan máis axuda.
 
E en terceiro lugar, o centro pretende desenvolver estratexias diagnósticas e terapéuticas relacionadas co envellecemento, da man doutros centros dedicados á innovación e a tecnoloxía.
 
Paralelamente prevese poñer en marcha un Centro de Innovación Sociosanitaria que posiblemente non se sitúe no mesmo edificio do CNIE e cuxa creación están ultimando Lehendakaritza e os departamentos de Asuntos Sociais e Sanidade. Este centro contará previsiblemente coa colaboración do mundo empresarial, segundo destacaron as mesmas fontes.
 
Potencial investigador
 
O centro situarase probablemente no parque tecnolóxico de Miramón, de San Sebastián que xa acolle varias fundacións e empresas dedicadas ao estudo do envellecemento ou das enfermidades máis acusadas nesta etapa da vida.
 
O CNIE será financiado a partes iguais polo Ministerio de Ciencia e Innovación e o Goberno Vasco. Xa está pechado un acordo para a súa posta en marcha. En xuño firmarase o protocolo de inicio do proxecto e de financimento. Segundo a ministra Garmendia, no proxecto tamén se implicará o sector privado.
 
O CNIE constitúese coa intención de que se converta nun centro científico de referencia en España e Europa e con tal fin preténdese que conflúan nel investigadores do máis alto nivel internacional. Prevese que a nova estrutura acolla a preto de medio millar de especialistas. Aínda que o anuncio non incluía nomes, algunhas fontes apuntan o de Jorge Alemany entre os promotores científicos desta iniciativa. Alemany, doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular, traballou durante máis de vinte anos no sector da Biotecnoloxía como investigador en EE UU e España.
 
(Fonte: Diario Vasco)