A dixitalización e a sustentabilidade, protagonistas na nova edición de Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Parque Tecnolóxico de Galicia ten aberto a través da súa páxina web o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro.

Durante este curso Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole reinvéntanse e alíñanse cos Obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas. Deste xeito, incorpóranse un conxunto de propostas centradas principalmente en dous dos seus obxectivos e nos que o Parque está moi orientado: a dixitalización e a sustentabilidade. Esta renovación de contidos está a ter moi boa aceptación entre os escolares, tal como se reflicte no avance das inscricións.

STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 a 11 anos

STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos, por sétimo ano consecutivo, unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía, a enxeñería, a arte e as matemáticas desde unha óptica artística e creativa. Diríxese a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 25 asistentes.

O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de distintos campos de coñecemento e que requiren do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real. Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica e superarán diversos retos interdisciplinares, entre outras experiencias. Ademais, están planificadas un gran número de actividades medioambientais, que irán desde a investigación nun pequeno horto ata a recollida de datos meteorolóxicos para a súa posterior análise. 

Estas sesións terán lugar os mércores de 18:10 a 19:40 horas durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.

Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos

As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa duodécima edición, están pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. As prazas están limitadas a 40 asistentes. A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.

Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. 

Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán a ocasión de presentar os seus proxectos en diferentes feiras científicas de ámbito nacional.

Como principal novidade desta edición, o alumnado participará no concurso de deseño de microsatélites escolares CANSAT. Ademais, aumentaranse as propostas orientadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles con finalidades sociais. Así mesmo, incorporaranse actividades medioambientais e de monitorización do medio que permitan conectar os coñecementos tecnolóxicos coa posta en valor do medio ambiente e a importancia da sustentabilidade.

Máis información: www.tecnopole.es/gl/aulas-tecnopole

Fonte: Tecnópole