Un dispositivo portátil para controlar rapidamente a calidade dos alimentos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

As enfermidades alimentarias son un problema de saúde pública en todo o mundo. Cada ano preto de 600 millóns de persoas (unha de cada dez) enferman e 420.000 morren por inxerir alimentos contaminados, segundo estatísticas da Organización Mundial da Saúde. O proxecto financiado con fondos europeos Freshdetect traballa no desenvolvemento dunha ferramenta portátil capaz de determinar a calidade microbiolóxica de produtos cárnicos coa que reducir a devandita morbilidade e mortalidade.

O folleto informativo do produto publicado no sitio web do proxecto explica que o dispositivo portátil determina o "reconto viable total (TVC) en carne crúa sen necesidade de tomar mostras nin incubalas". Emprega un proceso de espectroscopia de fluorescencia que orienta unha luz azul intensa cara á superficie da carne e mide as firmas de fluorescencia características e a flora bacteriana. "O TVC calcúlase mediante un algoritmo de análise fiable para determinar a calidade microbiolóxica do produto. As medicións non son invasivas e duran uns poucos segundos. Os resultados móstranse directamente no dispositivo tras a medición".

O dispositivo é capaz de almacenar ata 2000 medicións. Os resultados pódense gardar nun ordenador a través do porto USB. Tal e como se indica no mesmo folleto do produto: "Os posibles campos de aplicación inclúen a execución rápida de probas durante os procesos de control interno nunha cadea de procesamento e xestión de carne e a vixilancia sen demoras da calidade nas zonas de carga e descarga".

Unha nova dimensión

Nunha noticia publicada no sitio web de FoodNavigator, Oliver Dietrich, director xeral da empresa coordinadora FreshDetect GmbH, declarou que a innovación "ofrece unha nova dimensión para a seguridade alimentaria". Segundo CORDIS, o "dispositivo permite realizar ensaios microbiolóxicos non invasivos sen custos operativos ou de mantemento adicionais". O dispositivo está pensado para matadoiros, salas de despezamento, empresas procesadoras de carne, comerciantes, almacenistas e carniceiros. O proxecto proponse lograr que o seu "prototipo actual TRL7 [nivel de preparación tecnolóxica 7] chegue a ser un éxito comercial entre estes usuarios", segundo se engade en CORDIS.

No mesmo artigo, Dietrich afirma o seguinte: "FreshDetect ampliará paulatinamente as súas aplicacións para incluír alimentos adicionais como peixe, lácteos, froitas e verduras. O obxectivo non é só a contaminación bacteriana, senón tamén a capacidade de detectar praguicidas e herbicidas, a orixe, o grao de maduración e outros factores".

O proxecto en marcha tamén aborda os desperdicios alimentarios, responsables de preto do 8% de todas as emisións antropoxénicas de gases de efecto invernadoiro. Cada ano desperdícianse na Unión Europea preto de 88 millóns de toneladas de alimentos cun custo próximo aos 143.000 millóns de euros segundo a Comisión Europea. CORDIS incide en que "a tecnoloxía de FreshDetect ofrece un grao de control dos procesos alimentarios" sen precedentes, o que permite optimizar a produción de alimentos e reducir os desperdicios".

No sitio web do proxecto indícase que se ben o dispositivo xa se comercializa dende o verán de 2017, "se someteu dende 2016 a unha serie de probas en colaboración con empresas cárnicas dedicadas ao espectro de maior calidade do mercado". Tal e como conclúen no artigo: "Ofrecemos corpus de software para distintos tipos de carne. Tamén se están a desenvolver outros corpus para detectar TVC. Ademais traballamos nunha tecnoloxía de detección de TVC a través de embalaxe transparente (MAP, baleiro)".

(Fonte: Cordis)