Un dispositivo flexible produce electricidade a partir do wifi

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Imaxina un mundo onde os teléfonos móbiles, os ordenadores portátiles, os reloxos intelixentes e outros aparatos electrónicos funcionasen sen baterías. Investigadores do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT, en EE UU) e outros centros internacionais deron un paso nesa dirección, presentaron o primeiro dispositivo totalmente flexible que pode converter a enerxía dos sinais wifi en electricidade.

O avance baséase no uso de rectenas (do inglés, rectifying antenna, antena rectificadora), uns sistemas que converten as ondas electromagnéticas de corrente alterna -como as wifi- en continua.

Neste caso os autores, que publican o seu traballo na revista Nature, usan unha antena de radiofrecuencia flexible para capturar as ondas wifi. Despois, o seu sinal de corrente alterna envíase a un finísimo semicondutor de disulfuro de molibdeno (MoS2) -un dos máis delgados do mundo, con tan só tres átomos de espesor-, que a converte en corrente continua para que poida alimentar os circuítos electrónicos.

Deste xeito, dispositivos sen batería poderían capturar e transformar de forma pasiva os sinais wifi, que cada vez inundan máis lugares da nosa contorna, nunha fonte útil de alimentación. Ademais, presentan as vantaxes de ser flexibles e poderse fabricar en rolos para cubrir áreas moi grandes.

Móbiles flexibles e pílulas intelixentes

Entre as primeiras aplicacións da nova rectena figura a subministración de enerxía a dispositivos electrónicos flexibles, aparatos portátiles e sensores para o chamado internet das cousas. Os smartphones ou teléfonos intelixentes flexibles, por exemplo, son un novo mercado para as principais empresas tecnolóxicas.

Nos experimentos realizados polo equipo, comprobouse que o seu dispositivo pode producir ao redor de 40 microvatios de potencia cando se expón aos niveis típicos dos sinais wifi (ao redor de 150 microvatios). Iso é máis que suficiente para iluminar a pantalla dun móbil ou un chip de silicio.

(Fonte: SINC)