As dez tendencias tecnolóxicas do ano

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
"Os desafíos mundiais necesitan novas tecnoloxías para afrontalos", di o Consello de Tecnoloxías Emerxentes do Foro Económico Mundial (WEF), que fixo pública recentemente a súa lista das dez tecnoloxías emerxentes do ano.

Segundo indica o organismo nun comunicado, estas tecnoloxías poderán axudar a lograr un desenvolvemento máis sustentable nas próximas décadas nas que a presión sobre o medio vai aumentar, debido ao incremento da poboación e, polo tanto, da demanda en todos os ámbitos.

As tecnoloxías emerxentes destacadas polo WEF atópanse aínda en fase inicial, pero "xa se están a lograr grandes avances e están máis preto do seu despregamento a grande escala", sinala o documento.

Vehículos online

Segundo o informe do Consello de Tecnoloxías Emerxentes, a tecnoloxía sen fíos, hoxe en día moi estendida, poderá usarse tamén para subministrar enerxía eléctrica a vehículos en movemento. A próxima xeración de coches eléctricos, indica, funcionará mediante bobinas situadas na parte inferior do vehículo que recibirán enerxía dun campo electromagnético procedente dos cables instalados baixo o pavimento.

A corrente tamén servirá para cargar unha batería adicional usada para alimentar o vehículo cando estea fóra de cobertura. Estes coches, que xa se están a probar en estrada en Seúl (Corea do Norte), só necesitan un quinto da capacidade de batería que un coche eléctrico estándar e a súa eficiencia de transmisión pode alcanzar máis do 80%, explica o documento.

Impresión 3D e fabricación remota

Outras das tendencias tecnolóxicas relevantes será a impresión tridimensional, que permitirá a creación de estruturas sólidas dende un arquivo de ordenador.

"Isto podería revolucionar a fabricación, xa que fará posible que os obxectos poidan imprimirse de forma remota, na casa ou na oficina, cun grande aforro de tempo e transporte,", sinala o comunicado.

O proceso consiste en producir capas de materiais que se depositan unhas enriba das outras para crear estruturas independentes e permite que obxectos creados virtualmente poidan usarse como modelos para realizar 'copias impresas' de plástico, metais ou outros materiais.

Materiais que se arranxan sós

Unha das características que definen aos organismos vivos é a súa habilidade intrínseca para curarse a si mesmos. Crear materiais estruturais inertes capaces de autorrepararse cando se cortan, esgazan ou agretan é máis difícil, aínda que esta tendencia do biomimetismo está a evolucionar. Esta tecnoloxía permitirá alongar a vida útil de mercadorías, reducir a demanda de materias primas e mellorar a seguridade de materiais estruturais usados na construción ou para a fabricación de partes de aeronaves, explica a institución.

Purificación de auga avanzada

En lugares onde se esgotan os sistemas de auga doce, a desalinización do mar ofrece un recurso case ilimitado, pero a expensas dun gran gasto enerxético, di o Foro Económico Mundial. As tecnoloxías emerxentes ofrecen un potencial aforro do 50% da enerxía na desalinización ou na purificación de augas residuais. Técnicas como a osmose forzada poderán mellorar a eficiencia, utilizando calor da produción de enerxía térmica ou de instalacións xeotérmicas.

Conversión de dióxido de carbono en combustible

A tecnolóxica de captura e secuestro subterráneo de CO2 segue aínda sen ser comercialmente viable. Pero, segundo o WEF, hai novas tecnoloxías que converten o CO2 non desexado en mercadorías útiles. Un dos enfoques máis innovadores é o uso de bacterias fotosintéticas bioloxicamente deseñadas para converter CO2 en sistemas modulares de convertedores solares de baixo custo. Ao ser de 10 a 100 veces máis produtivo por unidade de superficie, estes sistemas solucionan unha das principais restricións ambientais dos biocombustibles, e podería subministrar combustible para automóbiles, avións e para outros usuarios de combustible a grande escala, di o WEF.

Nutrición avanzada a nivel molecular

Segundo a institución, ata nos países desenvolvidos, millóns de persoas sofren malnutrición debido a deficiencias nas súas dietas. As últimas técnicas xenómicas intentan determinar a nivel de secuencia xénica o número de proteínas consumidas naturalmente que son importantes para a dieta humana. As proteínas identificadas poderán ter vantaxes sobre os suplementos estándar, xa que subministrarán unha porcentaxe de aminoácidos esenciais maior e terán unha solubilidade, sabor, textura e características nutricionais melloradas.

Detección remota

O uso cada vez máis xeneralizado de sensores será algo cada vez máis frecuente no ámbito da saúde. Estes sensores poderán controlar de xeito constante funcións do noso organismo -como frecuencia cardíaca, niveis de osíxeno e azucre en sangue- e, en caso necesario, provocar unha resposta, como a administración dunha dose de insulina. Os avances tamén se ampliarán á comunicación sen fíos entre dispositivos e poderase, por exemplo, incluír sensores entre vehículos para mellorar a seguridade en estrada.

Enxeñería a nanoescala para administración de fármacos

Os medicamentos que poden depositarse de forma precisa a nivel molecular dentro ou arredor da célula ofrecerán unha oportunidade para desenvolver tratamentos máis efectivos e con menos efectos secundarios. As nanopartículas dirixidas adhírense ao tecido enfermo, minimizando o seu impacto no tecido san. Despois de case unha década de investigación, estes novos enfoques están á fin a dar sinais de utilidade clínica, sinalan os expertos do WEF.

Electrónica orgánica

A electrónica orgánica -un tipo de electrónica impresa- usa materiais orgánicos como polímeros para crear circuítos e dispositivos electrónicos. Fronte aos semicondutores tradicionais (baseados en silicio), este tipo de electrónica pode obterse a partir de procesos escalables de baixo custo. Aínda que aínda non pode competir co silicio en velocidade e densidade, ten o potencial de proporcionar unha vantaxe significativa en termos de custo e versatilidade, sinala o informe.

Reactores de cuarta xeración e reciclaxe de residuos nucleares

Segundo o WEF, os reactores nucleares apenas utilizan un 1% da enerxía dispoñible no uranio, deixando o resto como lixo nuclear altamente radioactivo. Este organismo sinala que, aínda que as cuestións técnicas de almacenamento xeolóxico son manexable, o desafío político destes residuos limita seriamente o atractivo desta tecnoloxía de enerxía sen emisións de carbono e altamente escalable. Se se reciclase o residuo usado para convertelo en uranio-238, como novo material fisible -coñecido como nuclear 2.0-, "podería dispoñerse de recursos durante séculos e reduciríase drasticamente o volume e a toxicidade a longo prazo dos residuos, que podería medirse en séculos en lugar de en milenios," conclúe.

(Fonte: SINC)