Desenvolven novos sensores viarios de baixo custo e gran precisión que axudarán a mellorar a xestión do tráfico

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Investigadores da Universitat Politècnica de València, pertencentes ao Instituto ITACA, desenvolveron un novo prototipo de sensores -espiras magnéticas- que pretenden axudar a mellorar a xestión do tráfico urbano. A súa principal novidade atópase no seu deseño: trátase de espiras magnéticas dobres, que ademais de medir con gran precisión o fluxo de tráfico, permiten calcular a velocidade dos vehículos, a súa lonxitude e outros moitos datos viarios con marxes de erro nunca vistas anteriormente neste tipo de sistemas. Neste sentido, este novo sensor é capaz de reducir a apenas un 6% o erro no cálculo da velocidade (fronte ao 20% cometido hoxe en día polos sistemas duais).

Ademais, estas espiras permiten tamén obter datos moito máis fiables sobre a lonxitude dos vehículos, eliminando practicamente o erro cometido na estimación con respecto aos sistemas duais. "Todo iso axudaría a dispoñer dunha información moito máis precisa e real sobre o estado das estradas, o que facilitaría a súa xestión dende os centros de control", destaca Ferran Mocholí, investigador do Grupo de Sistemas de Control de Tráfico (SCT) do Instituto ITACA da Universitat Politècnica de València.

Mocholí tamén explica que para o control de velocidade, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) esixe sensores radar con marxes de +/- 3 Km/h en velocidades inferiores a 100 Km/h e un 3% de erro en velocidade maiores a esta. "Tendo en conta que a velocidade en cidades está limitada a 50 Km/h, as espiras dobres cumprirían este requisito e, polo tanto, poderían mesmo ser utilizadas como sensores radar de gran precisión en ámbitos urbanos", apunta Mocholí.

Sensores de referencia

As espiras, tamén denominadas bucles magnéticos, son o sensor viario de referencia. De feito, debido á súa simplicidade, custo e modo de funcionamento, estas continúan dominando as instalacións e mesmo sendo os detectores máis utilizados nos novos algoritmos de xestión e control do tráfico. Estas non son máis que un fío enrolado que se enterra sobre o pavimento da calzada e o seu modo de operación baséase na variación de indutancia que se rexistra cando os vehículos circulan sobre elas, de tal maneira que cando un vehículo as supera, estas son capaces de obter a súa 'pegada ou perfil magnético' e extraer información clave para a xestión do tráfico a partir deste.

"Neste momento o seu potencial non estaba a ser totalmente explotado, xa que nin o sentido de circulación, a velocidade ou a lonxitude dos vehículos podía ser calculada mediante o uso dunha soa espira. De aí que o máis común fose atopar dúas espiras por carril separadas unha certa distancia, o que comunmente se coñece como sistemas duais. De feito, a gran maioría delas na actualidade só se estaban utilizando para medir o fluxo de tráfico e contabilizar vehículos, o que desperdiciaba totalmente o seu gran potencial,", explica Ferran Mocholí, investigador do Instituto ITACA da Universitat Politècnica de València.

Esta é a razón pola que os investigadores da UPV apostaron polas espiras dobres, un novo sensor baseado no seu antecesor que demostrou ser capaz de mellorar as características e funcionalidades da espira convencional sen incrementar o custo nin introducir complexidades adicionais. Todo o contrario, entre as súas vantaxes, destaca a redución do custo de instalación e mantemento, xa que esta nova configuración custaría a metade respecto aos sistemas duais actuais.

Tráfico insostible

Segundo explica Mocholí, a transformación do transporte é xa unha realidade; as novas tecnoloxías aplicadas á automoción, o big data e a economía compartida están cambiando a forma na que a poboación se achega ao mundo do transporte. Estes avances, xunto co crecemento da poboación mundial contribuirán aínda máis a un aumento do parque vehicular, o que se traducirá nun tráfico insostible dentro as principais cidades se non se toman medidas ao respecto.

"Por iso, estase a xerar cada vez máis a necesidade de ter un maior control sobre os vehículos, razón pola cal a extracción de información, identificación e clasificación de vehículos en tempo real emerxe como unha prioridade nos nosos días dentro dos Sistemas Intelixentes de Transporte (ITS). E a este reto responde a nosa investigación e, neste caso, o desenvolvemento deste novo sistema viario baseado en espiras magnéticas", conclúe Mocholí.

Control de patinetes eléctricos e bicicletas

Ademais de para a xestión do tráfico de vehículos clásicos de combustión como coches, furgonetas, autobuses e motos, os investigadores da UPV sinalan que este sistema sería tamén idóneo para o control e xestión dos novos modelos de vehículos eléctricos que están a aparecer nas principais capitais modernas, tales como patinetes, bicicletas, etc...

"Hai anos que se comezou a falar sobre a proliferación dos vehículos eléctricos, pero o futuro da industria automobilística e a mobilidade xa non é unha mera utopía. Vistas as novas políticas urbanas e ambientais acerca de reducir o número de modelos de gasolina e aumentar as opcións de vehículos eléctricos e as novas regulacións gobernamentais sobre os recentes patinetes e bicicletas eléctricas, parece que o futuro do sector xa chegou", apunta Mocholí

Así, o estudo e análise destes novos vehículos, así como o seu impacto na mobilidade dos usuarios emerxe como unha das maiores prioridades nos Sistemas Intelixentes de Transporte (ITS) e particularmente, en cada un dos centros de control e xestión das principais cidades. "Co sensor desenvolvido poderíase obter toda a información necesaria de xeito moi sinxelo e a un prezo realmente baixo", conclúe o investigador da UPV.

Neste sentido, o equipo da UPV ten previsto iniciar unha nova investigación que se centre na caracterización magnética destes novos vehículos eléctricos sobre todo tipo de espiras, cuxo obxectivo se baseará no desenvolvemento dun sistema óptimo que ofreza e permita a extracción e intercambio de información viaria entre diferentes infraestruturas para así, axudar á xestión e control do tráfico urbano nun momento crucial de cambios.

(Fonte: APTE)