Desenvolven un material capaz de autorrepararse usando o dióxido de carbono do aire

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Emulando unha das capacidades das plantas verdes, un novo polímero "crece" mediante unha reacción química con dióxido de carbono. Este singular material pode reaccionar co dióxido de carbono do aire, crecer, fortalecerse e mesmo repararse a si mesmo. O polímero, que podería ser algún día utilizado como material de construción ou reparación ou para recubrimentos protectores, converte continuamente o citado gas de efecto invernadoiro nun material baseado no carbono que se autorreforza.

Este avance é obra de Michael Strano e Seon-Yeong Kwak, do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), e oito científicos máis desa institución e da Universidade de California en Riverside, ambas as dúas en Estados Unidos. Os resultados foron publicados na revista Advanced Materials.

A actual versión do novo material é unha substancia sintética parecida a un xel que leva a cabo un proceso químico similar ao que lles permite ás plantas incorporar dióxido de carbono do aire nos seus tecidos en crecemento. Co material poderíanse fabricar, por exemplo, paneis que poderían colocarse nos puntos desexados dunha construción arquitectónica, onde se endurecerían e solidificarían ao ser expostos ao aire e a luz solar. Isto faría máis eficiente o labor de construción.

Tal como destaca Strano, trátase dun concepto totalmente novo na ciencia dos materiais. Ademais, unha vantaxe clave de tales materiais é que, en caso de sufrir un dano, se autorrepararían, sen necesitar para iso nada máis que a presenza do aire ambiental e a súa exposición á luz solar ou algún tipo de iluminación de interior. Se a superficie se agreta ou raia, a área afectada crece para encher os espazos e reparar o dano, sen que necesite ningunha outra acción externa.

O equipo desenvolveu métodos para producir de modo masivo materiais deste tipo, e agora estase a centrar en optimizar as propiedades do material. Aplicacións comerciais como os recubrimentos autorreparables e a enchedura de gretas son factibles a curto prazo.

(Fonte: EFE)