Desenvolven un bioplástico para industria alimentaria cun 100% máis de absorción que os envases actuais

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Investigadores do grupo Tecnología y Diseño de Productos multicomponentes a Universidade de Sevilla, xunto a científicos da Universidade de Huelva, obtiveron un bioplástico a partir da mestura dun composto derivado dun arbusto denominado tragacanto e a clara de ovo.

O novo material, con potenciais aplicacións no sector da industria alimentaria, consegue un 100% máis de absorción que os envases actuais e, polo tanto, é máis efectivo ao aumentar a vida útil de froitas e verduras, xa que impide a deterioración precoz dos produtos provocada pola acción da auga.

A estas vantaxes súmase que o plástico creado é máis respectuoso co medio ao ser biodegradable e proceder, en parte, de subprodutos agrícolas. Os investigadores demostraron que as propiedades mecánicas se manteñen intactas ao incluír a goma de tragacanto na formulación e mellora a súa capacidade de reciclado en comparación cos plásticos sintéticos de polietileno derivados de hidrocarburos.

"As calidades da proteína da clara do ovo como absorbente en bioplásticos xa foron demostradas en investigacións anteriores, pero neste estudo puidemos comprobar que unida ao tragacanto aumenta as súas propiedades de xeito potencial", indica Mª Luisa López Castejón, investigadora da Universidade de Sevilla e coautora do estudo publicado na revista Carbohydrate Polymers.

No estudo inclúese a análise das posibilidades que achega o novo material que, ademais de poder utilizarse para preservar mellor os froitos e hortalizas, permite a incorporación de compoñentes adicionais. Nutrientes ou axentes antimicrobianos, por exemplo, poderían engadirse ao composto inicial para incluír unha funcionalidade específica ou facelo máis resistente ao ataque de microorganismos. Tamén podería considerarse incorporar outros aditivos, como conservantes ou antioxidantes.

Ademais de en envases, a agricultura supón outro ámbito de aplicación. Nesta liña, utilizaron placas de bioplástico aos que se lles engadiu auga e nutrientes de xeito controlado e que se colocan no substrato xunto á planta. Deste xeito, van eliminando a auga contida xunto a estas substancias, o que permite un maior rendemento do cultivo. Así, poderían incorporarse axentes antimicrobianos que afecten exclusivamente á planta e non ao chan, o que as faría máis fortes ante infeccións sen alterar o seu medio.

Materiais máis respectuosos

Os bioplásticos son materiais creados a partir de produtos naturais, normalmente vexetais, o que os converte en biodegradables. Isto provoca que non só se descompoñan na natureza cando a súa vida útil finalizou, senón que tamén produce menos danos ao medio cando se someten a técnicas de reciclaxe e eliminación.

Non obstante, a industria do bioplástico, conta cuns 20 anos de existencia. Durante este tempo, formulou o desenvolvemento de novos materiais que melloren as propiedades dos baseados en petróleo e consigan un rendemento óptimo e unha rendibilidade viable na súa produción.

De aí que os investigadores busquen solucións para este sector como as achadas nesta investigación na que o equipo parte de estudos previos sobre as propiedades absorbentes do tragacanto, unha goma procedente da árbore do mesmo nome moi utilizada como estabilizador e espesante en produtos de alimentación e farmacia. Isto permitiu confirmar a hipótese do seu uso na creación de bioplásticos para a súa aplicación en distintos sectores, xa que multiplica as posibilidades doutros subprodutos agrícolas como a pataca ou o amidón de millo.

Os investigadores dedican o seu traballo á obtención de polímeros con grande absorción, os chamados bioplásticos superabsorbentes. Ao longo destes anos utilizaron numerosos materiais procedentes dos restos de distintos cultivos ou doutros recursos alimentarios, como poden ser subprodutos derivados da industria do cangrexo vermello.

Este estudo con goma de tragacanto supón un primeiro paso na obtención dun material bioplástico de carácter superabsorbente e propiedades mecánicas aceptables para o uso a partir dunha materia prima procedente de residuos ou excedentes da industria alimentaria.

Nesta liña investigadora formúlanse como obxectivo localizar materiais que consigan entre 1200 e 100.000% máis de absorción que os plásticos convencionais. Ademais, este tipo de compostos son respectuosos co medio, tanto pola súa obtención a partir de restos biolóxicos procedentes da industria agroalimentaria, coma pola súa degradación biolóxica e a súa capacidade de reciclado.

De feito, os expertos obtiveron un plástico a partir do carbonato sódico e a proteína de soia que si consegue a calidade de superabsorbente ao chegar ata o 3500% máis de permeabilidade que os convencionais. Un uso frecuente para este tipo de produtos é o destinado aos que requiren grande absorción, como poden ser cueiros. Neste caso, a celulosa é substituída polo novo material, conseguindo, ademais de incrementar a absorción, que sexan máis biodegradables e que teñan un maior rendemento no uso.

"Seguimos investigando outros produtos que nos permitan obter materiais superabsorbentes e que poidan aplicarse á industria, co fin de ofrecer a base necesaria para a creación de artigos de consumo que melloren a nosa vida e respecten máis o medio", conclúe a experta.

O estudo enmárcase dentro do proxecto 'Formulación e procesado de materiais para envases activos baseados en bioplásticos e axentes antimicrobianos volátiles' do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

(Fonte: SINC)