Dependencia e diversidade funcional, mercadotecnia dixital, nutrición e turismo deportivo na preincubadora de Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. O pasado xoves desveláronse os proxectos que pasarán o próximo ano na preincubadora de Tecnópole, ademais de nas instalacións de incubación dos campus de Vigo e Pontevedra.

Doce iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales catro se desenvolverán en Tecnópole. As novas tecnoloxías e o ámbito dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Non obstante, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os campos de coñecemento "cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra", como explicaba na súa intervención a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres.

No acto de entrega de diplomas e das chaves que abrirán as que serán as súas oficinas durante os próximos doce meses, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu ás entidades colaboradoras, entre as que se atopa o Parque Tecnolóxico de Galicia, o seu "apoio fundamental e a súa aposta polo talento que xorde da nosa Universidade, que é o maior tesouro que temos".

Catro novas ideas á busca do éxito

Dependencia e diversidade funcional, mercadotecnia dixital, nutrición e turismo deportivo. Os niños da preincubadora de Tecnópole terán como novos inquilinos a catro novas iniciativas empresariais dispostas a dar o salto das ideas ao mercado empresarial real. Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras. "O Meu proxecto consiste nun programa de benestar global para as empresas, a través do que se detectan necesidades puntuais dos empregados da organización e ofrécense solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida," explicou Sol, ex alumna do Máster en Nutrición, ao que engadiu que, a día de hoxe, o mercado só ofrece alternativas para mellorar a alimentación mediante consultas persoais con nutricionistas, o que supón un importante gasto para o usuario, tanto en diñeiro como en tempo, mentres que cando é a empresa a que promove a harmonía entre traballo e saúde física "increméntanse moito as posibilidades de adherencia e, con iso, prevense factores de risco como obesidade, hipertensión, diabete... ".

Impulsada neste caso por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma on line de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten. "O público obxectivo ao que está dirixida a idea serían todo tipo de turistas e residentes que practiquen un deporte e desexen compartilo con descoñecidos de distintas orixes", explicou Robledo.

Estas dúas iniciativas terán como veciños na preincubadora a Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de mercadotecnia dixital que optimicen a presenza on line de calquera modelo de negocio, e Oír, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.

Incuvi Avanza para Brigantia e .beLeader

Neste acto déronse a coñecer tamén as dúas iniciativas gañadoras dos premios Incuvi-Avanza, unha convocatoria que trata de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de Incuvi-Emprende, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense e no Parque Empresarial de Porto do Molle. Nesta ocasión os seleccionados foron Brigantia, que naceu na preincubadora de Tecnópole, e .beLeader.

Lucía González e Rita Carreira, graduadas en Educación Social, propoñen en Brigantia un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. .beLeader é unha solución web orientada ao turismo de baixo custo. Os seus representantes foron os encargados este xoves de dar os primeiros consellos aos impulsores dos doce proxectos, que ocuparán o seu lugar nos espazos de incubación de Incuvi-Emprende.

(Fonte: DUVI)