O crecemento dos fármacos biosimilares permitirá un aforro de 2000 millóns anuais

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Herceptin. Ou, se se prefire, Trastuzumab. É o fármaco que probablemente supuxese un maior impacto na supervivencia e calidade de vida nos pacientes con cancro de mama. A diferenza dos convencionais, cuxo principio terapéutico se obtén por síntese química, é un medicamento biolóxico, o que significa que se producen a partir de organismos vivos, como células modificadas mediante biotecnoloxía.

O novo arsenal terapéutico baseado neste concepto supuxo unha auténtica revolución nos últimos anos e serao aínda máis nos próximos. Son máis seguros e eficaces, pero existe un problema: son demasiado caros -en torno a 10.000 euros no mellor dos casos- debido á innovación que levan consigo, o que dificulta a súa xeneralización na sanidade pública. A súa alternativa son os biosimilares, que entran en liza unha vez expirada a patente dos orixinais.

A diferenza dos xenéricos, que son unha copia química do seu fármaco de referencia, a súa fabricación supón unha maior complexidade, xa que se trata de organismos vivos, polo que non son exactamente iguais, pero si similares e coas mesmas garantías en canto a seguridade e eficacia. E presentan unha vantaxe engadida: o seu prezo, que, de media, é un 30% menor que o dos medicamentos biolóxicos orixinais, o que favorece a extensión dos tratamentos.

Herceptin, cuxa patente expirou recentemente, conta dende o pasado mes en España con varias versións en forma de biosimilares, cuxa entrada no mercado español arrancou no 2009. Fíxoo ata agora de forma tímida, pero coas variantes de fármacos tan potentes como Trastuzumab ou Rituximab -para a leucemia linfótica crónica ou a artrite reumatoide- avecíñase unha nova revolución que terá un impacto directo non só na redución do gasto farmacéutico, senón tamén na extensión das terapias biolóxicas, máis innovadoras, aos pacientes.

Aforros considerables

A utilización de medicamentos biosimilares supuxo entre o 2009 e o 2017 un aforro de 478 millóns de euros ao sistema nacional de saúde. É só a punta do iceberg do que espera a partir de agora. Segundo os datos presentados pola Fundación Española de Biosimilares (BioSim), entre o 2017 e o 2020, coa expiración da patente de fármacos biolóxicos de enorme uso, a redución de custos cuadriplicarase, o que supón preto de 2000 millóns de euros anuais. Este aforro equivalería ao 1,3% do gasto farmacéutico no citado período.

Insulina para os diabete, hormonas para o crecemento, alternativas terapéuticas para a enfermidade de Chron, a artrite reumatoide, a reuma ou distintos tipos de cancro son os que chegaron xa ou farano dentro de pouco ao mercado nunha versión moito máis asumible para o sistema público, xa que a maior parte destes medicamentos son xestionadas na actualidade a través das farmacias hospitalarias. En España existen hoxe en día once principios activos de biosimilares, aínda que a súa penetración é aínda baixa, posto que de momento se sitúa entre o 22% e o 23%, cunha enorme diferenza entre hospitais e comunidades autónomas.

(Fonte: La Voz de Galicia)