Crece o temor a unha burbulla no mercado das patentes

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A proliferación de pelexas nos tribunais entre compañías por suposta vulneración de patentes, as compras de empresas cuxo activo máis valorado é a carteira de patentes ou a adquisición de millonarios paquetes de patentes dunha compañía están a xustificar que moitos analistas empecen a falar da existencia dunha burbulla no mercado das patentes. E máis concretamente no planeta da telefonía móbil.
 
O lanzamento por parte de Google dun sistema operativo para móbiles de código aberto, Android, e o seu éxito foi acompañado de crecentes conflitos legais. Apple, un caso, está a perseguir nos tribunais fabricantes de teléfonos que empregan Android por considerar que vulnera patentes da súa propiedade. De feito, Google realizou compras defensivas de patentes para protexer a Android deste cerco xudicial. En apenas tres meses adquiriu dous paquetes dunhas mil patentes cada un a IBM. E a compra de Motorola Mobility tamén se explica porque con ela se fai coas 17.000 patentes deste fabricante. Son a súa resposta ao consorcio creado por Apple, Microsoft, Sony e RIM para adquirir, por uns 3100 millóns de euros, as 6000 patentes subastadas pola compañía canadense Nortel, que se declarou en suspensión de pagamentos en 2009. Intel tamén puxou por elas sen conseguir o seu obxectivo. Tras coñecerse esta operación, Google denunciouna por considerala unha 'campaña hostil' contra Android ao verse excluído do consorcio. Microsoft replicou que se ofrecera a Google entrar neste, unha oferta que a empresa do buscador rexeitou.
 
Microsoft, grazas ás patentes, está a gañar diñeiro con Android. A empresa de Windows, chegou a acordos con varios fabricantes que usan o sistema operativo de Google, como Samsung, para que lle paguen unha determinada cantidade de diñeiro por cada unidade que vendan destes teléfonos. Microsoft defende con éxito que hai liñas de código en Android que vulneran as súas patentes. Google tivo que saír en defensa dalgúns destes fabricantes, como HTC, transferíndolles patentes.
 
Os episodios son case infinitos. Para Carles Comes, enxeñeiro experto en patentes, o prezo que merece unha patente é o prezo ao que alguén está disposto a comprala. Comes precisa unha diferenza fundamental neste mercado, entre as patentes vinculadas a un estándar, por exemplo o MP3, e as que non o están. No primeiro caso, na lexislación de moitos países, o propietario está obrigado a licenciala e se non hai acordo no prezo pode intervir unha autoridade para arbitrar sobre esta disputa. No segundo, o propietario é libre de retelas
 
O que si cambiou, a xuízo de Comes, é o uso de patentes. Cando o seu propietario é un fabricante de dispositivos, e non unha empresa dedicada unicamente a comerciar con elas, o que se busca é diferenciar o produto propio máis que facer diñeiro coa súa venda. Outro uso é protexer os produtos ante a reclamación dun terceiro. Ter patentes sempre facilita unha negociación, 'o intercambio de cromos'. Para Comes non é xusto falar dunha burbulla.
 
Por outra banda, as diferenzas lexislativas entre Estados Unidos e Europa neste tema matizáronse. Xa non é tan certo que en Estados Unidos se pode patentar o software apenas sen condicións e que en Europa non sexa patentable, comenta Comes. Estados Unidos esixe agora que o programa vaia asociado a unha máquina ou supoña unha transformación. En Europa pódese patentar se ten un carácter técnico e dá unha solución a un problema. Un programa de compresión de arquivos ou de cifrado pode patentarse en Europa.
 
Florian Mueller considera que non hai unha fórmula matemática obxectiva para calcular o prezo xusto dunha patente. Mueller, consultor nesta materia, mantén o blog Foss Patents, que se converteu nunha referencia informativa internacional. Mueller tamén distingue o problema das patentes vinculadas a un estándar e das que non o están. No primeiro caso, non se poden usar como arma para impedir que un terceiro obteña unha licenza. O único a discutir é o prezo, e mesmo neste punto poderían entrar as autoridades para supervisar se as condicións que impón o titular da patente vulneran a lexislación antimonopolio. No caso de patentes libres, Mueller comenta que o negocio se asemella ao do cinema. "Hai moitas películas, pero poucos éxitos de venda directa. As axencias que validan patentes a penas dedican 10 ou 15 horas a estudala. A súa aprobación, polo tanto, é fráxil e pode verse sometida a disputas xurídicas. Unha patente que superou varios asaltos en contra da súa validación é unha patente forte e pode ter un prezo moi superior a outra patente que unicamente pasou a validación formal dunha axencia".
 
Para Mueller, as batallas de Apple non van orientadas a facer negocio coa venda de licenzas. "Apple quere as patentes para diferenciar os seus produtos e non desexa licencialas a ninguén". O citado experto considera que os preitos sobre patentes na tecnoloxía móbil son moi complexos porque as deteñen distintas empresas e resulta moi laborioso establecer quen achegou que como novidade. No caso da compra de patentes de Nortel, Mueller comenta que se dá unha circunstancia favorable aos compradores. Ao tratarse dunha empresa que xa non está activa, as compañías que adquiriron estas non están obrigadas a cumprir os compromisos de Nortel.
 
(Fonte: El País)