Crean un carro 'intelixente' que identifica os produtos ao metelos nel

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Un grupo de enxeñeiros da Universidade Politécnica de Valencia inventou un carro da compra 'intelixente', que identifica os produtos só con introducilos nel, polo que reduce o tempo empregado no supermercado e facilita o proceso da compra.
 
A novidade deste carro con respecto a outros 'informatizados' que xa están no mercado reside nunha nova tecnoloxía que permite identificar o produto só coa acción de introducilo dentro do carro, sen ter que pasalo por un lector de código de barras ou doutro tipo.
 
Unha das integrantes deste proxecto, Victoria González, explicou que o carro ideado incorporará unha pantalla táctil onde o consumidor poderá consultar non só os produtos que está a adquirir no momento e as súas propiedades, senón que poderá acceder ás listas de compra anteriores e mesmo poderá consultar un mapa do supermercado para localizar os produtos que necesite.
 
Así mesmo, a través desta pantalla, o consumidor tamén iniciará o modo de pagamento de maneira que a información referente á compra se enviará a unha caixa central onde o cliente realizará o pagamento de xeito automático.
 
Outra das novidades deste carro intelixente é que o usuario poderá depositar a compra dende o carro ao coche directamente, xa que a estrutura levará incorporadas unhas bolsas para poder introducir os produtos directamente nelas de modo que cando o cliente chegue ao seu vehículo xa terá a compra organizada en bolsas e só as terá que introducir no vehículo.
 
Segundo un estudo referente ao uso do carro intelixente realizado en oito países, os consumidores españois sitúanse á cabeza en canto a súa probabilidade de uso, só por detrás de China.
 
Na actualidade, existen carros informatizados no mercado que incorporan un lector de código de barras ou similar, en cuxo caso se fai necesario que os produtos leven unha etiqueta para este fin.
 
Coa nova tecnoloxía incorporada polos enxeñeiros da UPV, os fabricantes poderán aforrar os custos destas etiquetas. Este proxecto, bautizado co nome de INMA, foi recoñecido co premio Bancaja-UPV 2011 ao mellor proxecto na súa categoría.
 
(Fonte: EFE)