Crean un 'cable' que conecta o cerebro ás máquinas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Un grupo de investigadores da Universidade de Michigan acaba de conseguir algo que parecía imposible: fabricar un delgadísimo cable capaz de "enchufar" directamente o cerebro humano a unha computadora. O enxeño é tan preciso que pode conectarse, mesmo, a células individuais. O sorprendente estudo publicouse na revista Nature Materials.

O cable en si é un filamento de carbono revestido de plástico, de modo que os sinais eléctricos das neuronas non causen molestas interferencias non desexadas. Nun dos seus extremos, o cable está impregnado cun xel cuxa finalidade é a de adaptarse á perfección coas membranas das células cerebrais e transmitir e recibir delas sinais eléctricos. O outro extremo está conectado a unha computadora, de forma que os sinais que emite o cerebro chegan directamente á máquina, e cunha extraordinaria claridade.

"O electrodo -explica Nicholas Kotov un dos desenvolvedores do dispositivo- ten un diámetro aproximado de 0,007 milímetros (sete microns), moito menos que o dos seus máis directos competidores, que teñen entre 25 e 100 microns".

A diferenza dos anteriores, que podían chegar a danar as neuronas próximas a aquelas coas que se quere conectar, o novo eléctrodo é moito máis preciso e ten, ademais, a vantaxe de que o outro extremo (o que non está no cerebro) pode conectarse a calquera clase de dispositivo, por exemplo a unha prótese.

A xelatina, mesmo "fala a linguaxe da célula" engade o investigador. Os impulsos eléctricos viaxan polo cerebro mediante movementos de ións, ou átomos con cargas eléctricas, e os sinais móvense a través da xelatina do mesmo xeito. Do outro lado a fibra de carbono responde aos ións movendo electróns que traducen eficazmente o sinal do cerebro á linguaxe dos artefactos electrónicos.

O enxeño xa foi probado en ratos e deu, ata agora, uns resultados excelentes. Pero os propios autores do artigo aclaran que aínda é pronto para empezar a utilizalo con seres humanos. Cando por fin se faga, o dispositivo contribuirá a revelar un bo número dos misterios que aínda envolven ao cerebro e o seu funcionamento, entre eles a forma en que as neuronas se comunican entre si ou o trazado exacto das "autoestradas" que cruzan o cerebro de parte a parte transportando a información que este debe procesar continuamente.

Sen problemas para a saúde

Un dos maiores problemas aínda sen resolver é o da duración do eléctrodo. En efecto, para que poida ser utilizado, por exemplo, cunha prótese, o cable debería resistir sen degradarse durante anos enteiros mentres está conectado ao cerebro do paciente. Pero ata agora os experimentos só duraron seis semanas, polo que se descoñece como pode evolucionar o cable durante períodos máis longos.

As probas, a pesar de todo, resultan esperanzadoras. As neuronas e o sistema inmune dos ratos afixéronse aos eléctrodos despois de apenas dúas semanas, o cal indica que estes " invasores electrónicos" poderían seguir funcionando sen problemas durante un longo tempo.

"Grazas a que estes artefactos son tan pequenos, asegura pola súa parte Takashi Kozai, que dirixiu a investigación, poderemos combinalos con novas técnicas ópticas para observar directamente, por primeira vez, como se comportan e que fan as células cerebrais cando se comunican entre si". Aínda que, segundo os propios investigadores, será necesaria case unha década máis para que a tecnoloxía poida comercializarse e sexa utilizada de forma masiva.

(Fonte: ABC)