Crean o material máis lixeiro do mundo, feito dun 99,99% de aire

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Chámase aerografito e está composto nun 99,99% de aire. Foi desenvolvido por un equipo de investigadores da Universidade Técnica de Hamburgo e é, con diferenza, o material máis lixeiro do mundo. O achado publícase na revista Advanced Materials.

Trátase dunha matriz de microscópicos tubos de carbono que están completamente ocos por dentro. É dicir, que o novo material está formado, na súa inmensa maior parte, de aire. De feito, ten unha densidade de apenas 0,2 miligramos por centímetro cúbico, catro veces menos que o anterior material máis lixeiro do mundo.

Pero a súa incrible lixeireza non debe levarnos a engano. O aerografito posúe unha resistencia extraordinaria e conta cunha serie de propiedades estruturais que poderían cualificarse de ciencia ficción.

Por exemplo, pode ser comprimido ata reducir 1000 veces o seu tamaño e, ao cesar a presión, regresar de inmediato á súa forma orixinal. E é capaz de soportar máis de 40.000 veces o seu propio peso. Por se fose pouco, é tamén un excelente condutor de electricidade.

Baterías ultralixeiras

O aerografito supera amplamente os dous materiais que detentaban anteriormente o récord como substancias máis lixeiras: o aeroxel de nanotubos de carbono, cunha densidade de 1 miligramo por centímetro cúbico, e a microretícula metálica ultralixeira, cunha densidade de apenas 0,9 miligramos por centímetro cúbico.

"Buscabamos estruturas de carbono tridimensionais -explica Karl Schulte, un dos creadores do aerografito- e encontrámonos con este material". Aínda que é pronto para falar de aplicacións, unha das primeiras podería estar na fabricación dunha nova xeración de pilas e baterías ultralixeiras.

(Fonte: ABC)