Crean unha innovadora tecnoloxía para producir biomasa de algas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Se ben os aceites de microalgas foron considerados como o produto idóneo para abastecer de materia prima a demanda global de biocombustible, os intentos da industria e os centros científicos de crear uns procesos de produción viables de tal produto non alcanzaron aínda o obxectivo buscado.

UniVerve desenvolveu un proceso tecnolóxico innovador que proporciona unha solución adaptable ás escalas industriais requiridas, resulta rendible e é sustentable para a produción de biomasa de microalgas.

Espera que o aceite, que pode ser extraído con tecnoloxías de extracción húmida xa dispoñibles, e utilizado como ingrediente excelente para todo tipo de biocombustibles, se produza como moito a 50 dólares por barril (igual ao actual prezo de mercado do petróleo cru).

Dado que a biomasa contén tamén omega-3, proteínas e outros biomateriais valiosos que poden ser comercializados no sector da alimentación para humanos e no dos pensos para animais, unha granxa de microalgas podería abastecer a empresas de biocombustibles, de alimentación e de pensos.

Os métodos actuais de cultivo de microalgas ou son moi caros (fotobiorreactores) ou son ineficientes (estanques convencionais para cultivo). Co fin de poder alcanzar grandes volumes de produción necesítanse áreas moi grandes, o que resulta nunha alta taxa de evaporación e un alto risco de contaminación. Ademais, existen retos adicionais como minimizar o consumo de enerxía no proceso, a prolongación da tempada de produción e a optimización das condicións de crecemento (por exemplo, o control da temperatura, a exposición á luz, etc., para incrementar a fotosíntese), co fin de maximizar os ingresos por metro cadrado así como a modularidade e flexibilidade do sistema.

O corazón do proceso innovador de UniVerve é un sistema de cultivo caracterizado por unha estrutura triangular suspendida, modular e ampliable, con paredes transparentes, que permite á luz penetrar dende todos os lados, incrementando así a actividade fotosintética e mellorando a produción de biomasa por metro cadrado. A mestura faise mediante aire burbullante introducido a través dunha canalización sinxela de irrigación no fondo do dispositivo.

Polo tanto, o novidoso deseño do estanque rebaixa a perda de auga, o consumo de enerxía, os custos de operación e o mantemento, permitindo ademais a capacidade de ampliación modular prolongando a estrutura ata os 100 metros. Ata agora, cultiváronse con éxito 5 cepas diferentes mediante a nova tecnoloxía.

(Fonte: Axencias)