Aquí é onde entra en xogo Omniflow, que ofrece unha tecnoloxía patentada e apoiada recentemente pola Unión Europea no marco da fase 1 do instrumento para pemes de Horizonte 2020 e que soluciona os inconvenientes mencionados grazas a un novidoso deseño de turbina que saca partido de forma simultánea á enerxía solar e á eólica.
"Dado que combinamos dúas fontes de enerxía, en lugar de limitarnos a aproveitar a luz solar ou o vento soamente, non temos necesidade de recorrer ás grandes bancadas de baterías que adoitan precisar os equipos convencionais. Ademais, as baterías de Omniflow durarán máis tempo, posto que se descargan menos e realizan menos ciclos co paso do tempo", explicou Pedro Ruão, director executivo de Omniflow.
"Así mesmo, o vento adoita soprar máis forte en inverno, mentres que as horas de insolación se incrementan en verán, polo que se trata de dúas fontes enerxéticas complementarias. É unha situación idónea para os compoñentes de almacenamento do sistema. Deste modo podemos contar con sistemas máis estables e fiables e con baterías que ofrecen unha vida útil non inferior a dezaseis anos", engadiu.
Aproveitar o vento
Para algúns, e á vista da norma actual para a produción de enerxía renovable, Omniflow podería parecer un OVNI, e esa é xustamente a súa aparencia: consiste nun dispositivo circular no que hai disposta unha serie de pas modulares con forma de á e que está fixado a un mastro cuxo tamaño varía segundo a aplicación. No seu centro xira unha turbina de eixe vertical que captura e acelera o vento procedente de todas direccións, mentres que o aire que pasa por enriba da devandita turbina se combina co caudal de aire proveniente da turbina para xerar un fluxo ciclónico en vórtice de corrente ascendente. E como guinda, toda a superficie do dispositivo está recuberta de células fotovoltaicas.
"A produción diaria media depende sobre todo das condicións de cada lugar, por exemplo da velocidade anual media do vento, pero se a localización é propicia o investimento pódese amortizar en entre cinco e oito anos. Esa amortización depende tamén do custo da enerxía en cada lugar", sinala Ruão. "Por esa razón, deberemos analizar as condicións locais en cada caso para determinar o sistema máis indicado".
A empresa conta con tres modelos para produción de enerxía e con outro para iluminación intelixente de exteriores (Omnilight). Un obxectivo esencial do estudo de viabilidade financiado a través do proxecto OMNIFLOW de Horizonte 2020 foi determinar os mercados máis idóneos para estas propostas e outros produtos previstos. O devandito estudo achegou información abundante a Ruão e o seu equipo.
"Conforme ao noso estudo de viabilidade, a gama de produtos resistentes Omniflow que nos propoñemos desenvolver para ámbitos adversos -lugares con grande intensidade de frío e de vento, ámbitos marítimos (boias mariñas) e desertos moi calorosos- terá un grande éxito. Dará lugar a mercados novos para a aplicación da tecnoloxía de Omniflow e podería deparar melloras técnicas na nosa liña de produtos para condicións máis habituais".
Nos próximos meses, a empresa centrarase en preparar a fase 2 de aplicación, co propósito de ensaiar os sistemas de Omniflow nos ámbitos tan adversos mencionados. Cabe destacar que os novos sistemas poderían empregarse para que funcionen sistemas de vixilancia e monitorización, torres móbiles de telecomunicacións, estacións base de uso militar ou humanitario e tamén boias mariñas, pero tamén para subministrar iluminación en espazos públicos sen conexión á rede eléctrica. Esta aplicación, malia ser a máis recente, expandiuse rapidamente e é agora a máis destacada.
(Fonte: madrimasd)