A covid destapa o potencial da industria biotecnolóxica galega

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A capacidade de Galicia para xerar talento científico, a costa tantas veces de que emigrase, era coñecida. O que sorprendeu máis a propios e estraños coa pandemia foi descubrir que, ademais de formar a investigadores, no territorio que cercan Os Ancares prodúcense medicamentos. E vacinas. En concreto, unha contra o coronavirus. A da farmacéutica norteamericana Novavax. A partir de abril, 200 millóns de doses contratadas sairán para toda a UE da nave da empresa Zendal no Porriño. Un fito, até a data, en España.

Foi unha crise viral a que levou á sociedade a valorar a urxencia dunha bioindustria propia. Que os gobernos, central e autonómico, e os investidores compartan esta prioridade é o paso necesario para o pechar o círculo que empeza nos centros de investigación e remata nas plantas de produción. A pontevedresa Zendal, que en 2019 facturou 40 millóns de euros, é un exemplo de que, con financiamento, pódese.

123 empresas

No Porriño, antes que Zendal, fundada en 1993 como CZ Veterinaria -o campo animal, con normas en xeral máis laxas, adoita ser a orixe de moitas destas empresas-, naceu en 1939 Zeltia, xerme de PharmaMar, agora con sede social en Madrid. Entre os seus éxitos está Yondelis, o primeiro antitumoral comercializado con patente española. Ademais, a británica AstraZeneca tivo unha sede aquí até 2009.

Pero, o biotech é máis amplo. Das 61 empresas biotecnológicas de 2015 -o concepto que engloba á biomedicina e biofarmacia, humanas, e ao agro-, pasamos a 123 compañías en activo a día de hoxe. Deron traballo a 1801 persoas en 2019, 618 contratados máis que en 2014, e facturaron 405,7 millóns de euros. Case o dobre que os 229,8 millóns do 2014, segundo o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

A perspectiva para 2021 é que continúe o ritmo de crecemento anual do 10% nestes indicadores, ao que debería axudar o novo plan estratéxico autonómico para 2021-2025, e os fondos europeos anticovid NextGeneration, onde Galicia agarda captar 450 millóns de euros en tres proxectos tractores.

O último informe da Asociación Española de Bioempresas, AseBio 2019, reflicte como Galicia está aínda lonxe de Cataluña, Madrid, Andalucía, o País Vasco e a Comunidade Valenciana -é a sexta autonomía, con 43 compañías, no cómputo de AseBio, que se limita á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), e non inclúe ás usuarias de biotecnoloxía para desenvolver a súa actividade-, pero resalta o recente impulso emprendedor.

Empatada co País Vasco, Galicia é a segunda comunidade que máis empresas biotecnolóxicas creou en 2019, só por detrás de Cataluña. E é das que máis factura: 8,3 millóns de euros de media nas súas biotech, fronte aos 1,8 das vascas.

Fonte: La Voz de Galicia