Coren lidera o transporte ferroportuario de mercadorías

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Coren é o maior cliente do transporte ferroportuario de Galicia. Dous terzos das mercadorías que son transportadas por ferrocarril procedentes dos portos galegos teñen o seu destino nas factorías de procesado de pensos que a cooperativa ourensá posúe en San Cibrao das Viñas. En 2020 supuxo un volume superior ás 300.000 toneladas, dun total de algo menos das 450.000 que foron descargadas en todos os portos galegos e transferidas aos seus respectivos destinos a bordo de trens mercantes.

O movemento de cereais realízase desde o porto de Marín, desde o que sae cada día laborable un tren formado por unha vintena de vagóns de 57 toneladas, arrastrado por dúas locomotoras diésel eléctricas.

O ferrocarril non é o único medio de transporte empregado por Coren para recibir o cereal co que elabora pensos nas súas fábricas de San Cibrao das Viñas, ou no resto das factorías que a cooperativa destina a este propósito nas provincias de Lugo, A Coruña e Zamora. Moi ao contrario, o tren move unha cuarta parte da materia prima empregada para a elaboración de pensos. Pero é unha cifra o suficientemente significativa para que sexa un tráfico determinante para lograr que o Porto de Marín se convertera no principal punto de saída de mercadorías por ferrocarril de Galicia.

O apartadeiro de Coren en San Cibrao recibiu máis de cinco mil vagóns de cereais ao longo de 2020. É unha cifra que equivale a retirar da estrada nada menos que oito mil camións. Unha importante contribución por parte da cooperativa ourensá á redución da pegada de carbono no transporte de materias primas para a elaboración dos seus pensos.

Fonte: La Región