Coren estrea a súa granxa 4.0, sustentable e entregada ao exterior

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O Grupo Coren inaugurou hai uns días a súa nova planta no municipio lucense de Friol. Trátase do Centro de Reprodución, Xenética e I+D avícola, na que seleccionará as liñas xenéticas e os cruzamentos das aves para obter uns animais máis robustos e inmunes a enfermidades.

As instalacións, con capacidade para acoller 55.000 reprodutoras, compóñense de cinco naves que requiriron un investimento de 5,4 millóns de euros, dos cales 4,1 foron achegados pola empresa ourensá e os 1,3 restantes, pola Xunta de Galicia. Ademais da cúpula do Grupo Coren, co seu presidente, Manuel Gómez-Franqueira á fronte, á inauguración do centro tamén acudiron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo gabou o proxecto de Coren pola súa proposta de elevar continuamente o valor engadido dos seus produtos e enxalzou "unha empresa que segue apostando por crecer, tomando como base a I+D e dende Galicia", subliñou. Ademais, anunciou que o goberno autonómico investirá 175 millóns de euros no bienio para modernizar a industria agroalimentaria.

O compoñente de innovación tecnolóxica destas instalacións de Coren atópase en que está dotada para controlar a nutrición dos animais ou a temperatura exterior e interior, ventilación e humidade a través dunha tablet. Ademais, investigaranse as xenéticas autóctonas de Galicia para aproveitar o potencial da comunidade.

O centro ten satisfeitas as súas necesidades de subministración eléctrica a través da planta de biomasa que ten anexa. Nela procesarase a galiñaza que xeren os animais, así como outros tipos de biomasa procedentes da área de Lugo para abastecer as instalacións.

Mediante a posta en marcha destas instalacións a compañía espera dar con este novo centro un novo paso na súa estratexia de internacionalización, xa que máis da metade da produción con orixe nesta planta se destinará ao mercado exterior.

(Fonte: El Progreso)