Coren desenvolverá un plan de investimentos en 2019 cun investimento de 26 millóns de euros

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O grupo Coren presentou hai uns días un ambicioso plan de investimentos estratéxicos para 2019 que se substancia en dous polos de actuación: unha inxección de 26 millóns en varios proxectos, e a creación de 325 postos de traballos estables en Ourense.

O seu presidente, Manuel Gómez Franqueira, puxo de manifesto na presentación do plan o compromiso coa produción de alimentos galegos de calidade, o desenvolvemento sustentable e a xeración de riqueza no campo. Un acto que tivo lugar na sede central da cooperativa en Santa Cruz de Arrabaldo, e que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou a proxección internacional que ten o grupo no sector agroalimentario, co que iso supón para Ourense e para o conxunto de Galicia.

Unha aposta que coincide cos 55 anos de existencia do grupo ourensán, como recordou Gómez Franqueira, para incidir na relevancia que ten o plan que se sustenta en tres piares fundamentais: desenvolvemento de centros de procesados, a creación de novos centros tecnolóxicos de incubación e selección xenética, e o impulso da agricultura ecolóxica, que suporá un compromiso co rural ourensán, ao poñer a producir terras sen uso no Concello de Cualedro.

Un proxecto que debullou na súa intervención o presidente de Coren, deixando clara a filosofía que marca a folla de ruta do grupo, que é a de que "todo ten que ser rendible", polo que as iniciativas teñen como obxectivo garantir ese "crecemento harmónico" e poder entender as demandas dos mercados esixentes, cunha exportación que chega a máis de 55 países, que contribuíron a que durante o exercicio de 2017 a facturación do grupo superase os 1000 millóns de euros.

En canto á estrutura troncal do plan presentado, que é unha aposta pola innovación e a implantación de novas tecnoloxías, e no que respecta aos centros de procesados, Coren continuará coas actuacións que acometeu nos últimos anos de actualización permanente das plantas con que conta para mantelas como instalacións punteiras, e que lle permitiu converterse en líder do sector.

Tecnoloxías 4.0

Para Gómez Franqueira é "fundamental dar resposta aos clientes coa maior calidade dos seus produtos adaptados ás demandas especificas, e a axilidade na posta en destino. Polo que os proxectos previstos en 2019 continuarán a mellora tecnolóxica dos seus centros de procesado avícola, de porcino e de vacún, incorporando novas tecnoloxías 4.0 nas áreas de procesado, transformación e loxística.

Nesa liña de nova dimensión estrutural, o grupo ourensán ten previsto poñer en marcha o próximo ano novos centros de incubación e selección xenética en avicultura, que lle permitirán dar resposta á crecente demanda e adaptarse ás necesidades especificas de cada un dos mercados, e de esa forma poder atender as esixencias do novo contexto globalizado.

E é por iso que os novos puntos de produción nos que se asentarán os centros tecnolóxicos son: na localidade lucense de Portomarín estará o de incubación de producións campeira, mentres que o de incubación de pavos estará na localidade de Sobreira, no concello ourensán de Vilamarín. De aí que os rexedores dos dous concellos estiveron presentes na presentación do plan de investimentos.

O terceiro eixe do plan de investimentos estratéxicos, e que supón "asumir un compromiso coa nosa terra", como proclamou Gómez Franqueira, é a posta en marcha do proxecto agrario de produción ecolóxica creando unha división agrícola para o cultivo de trigo ecolóxico que será destinado ao consumo e a produción de Coren. Unha actuación coa que se contribuirá ao coidado ambiental e a creación de riqueza no medio rural.

Así, segundo explicou Gómez Franqueira, as conversacións coa Xunta levaron consigo a que se rubricase o primeiro acordo para o aproveitamento de terreos que forman parte do banco de terras que se atopan en desuso, neste caso no Concello ourensán de Cualedro. Inicialmente serán 350 hectáreas as que se porán en valor coa plantación de trigo, que se ampliará a outras 200 hectáreas, ata superar as 500. O obxectivo inicial é chegar aos 70.000 quilos que se destinarán á produción de polo biolóxico. Espérase recoller a primeira colleita xa o próximo ano.

Trátase, en definitiva, de rubricar esa aposta que o grupo Coren fai pola economía real: xerar emprego en Galicia, pero sobre todo no medio rural, como proclamou Gómez Franqueira, que ademais puxo en valor dos cooperativistas dende o inicio, e que a día de hoxe aglutina máis de 6000 familias. De aí a relevancia do convenio, o primeiro dos que se subscribe, co organismo da Xunta, Agader, a través do Banco de Terras, polo que se promove a recuperación deses terreos.

Unha iniciativa que está na mesma liña doutras que xa vén realizando o grupo Coren nos últimos anos, e ás que fixo referencia Gómez Franqueira, como a recuperación de montes mancomunais queimados ou a contribución da gama de xamóns selecta á recuperación dos bosques de castiñeiro ao promover a recollida de castaña galega, pois no presente ano, o grupo consumiu 4,5 millóns de quilos de castañas, que levaron consigo unha inxección económica no rural de 7 millóns de euros.

Internacionalización

Pero no que tamén incidía Gómez Franqueira foi na internacionalización, que pasou de ser un reto a unha realidade consolidada, pero coa prudencia que lle caracteriza, advertir que "a exportación e o impulso ás exportacións en mercados está moi ben, pero debemos ter un volume determinado de produción para atender a demanda", de aí que o plan de investimentos estratéxicos, sobre todo coa implantación de novas tecnoloxías, se converte nunha aposta determinante para poder alcanzar os obxectivos.

Unha das cuestións nas que incidiu o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, foi o investimento que se realiza en I+D, despois de constatarse o incremento experimentado o pasado ano que foi superior ao 13%. Nesta liña, destacou que Coren, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne, conforma unha das case 40 unidades mixtas de investigación que se puxeron en marcha dende que se aprobou o programa en 2014, e que están a "mobilizar ao redor de 114 millóns de euros" en proxectos de innovación, coa adhesión de 28 multinacionais líderes no seu sector.

E así, o grupo ourensán é tamén o protagonista da terceira convocatoria da aceleradora Galicia Open Future, co obxectivo de buscar "solucións tecnolóxicas" que permitan dixitalizar e optimizar os controis de cebo na área porcina, que permitirá ser máis competitivos nuns mercados cada vez máis esixentes e competitivos.

Desa forma, Núñez Feijóo non ten dúbida que Coren "terá tamén un papel destacado na nova aceleradora do sector alimentario que poremos en marcha xunto co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga)", unha iniciativa que terá como obxectivo "insuflar novos proxectos innovadores na cadea de valor" da industria agroalimentaria e ampliar a canteira de firmas con propostas innovadoras no sector.

Para proclamar que Coren cos seus proxectos para 2019, prosegue "coa súa aposta" de seguir implementando a innovación nas súas plantas para "mellorar a dimensión produtiva do grupo" e "dar resposta" ás novas demandas do mercado.

(Fonte: Faro de Vigo)