Coren compra 400 toneladas de pataca para axuda social

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Grupo Coren adquiriu 400 toneladas de pataca aos agricultores da Limia durante o mes de maio, "co obxectivo de axudar a bancos de alimentos e outras entidades sociais a atender o grande incremento de demanda que están a rexistrar actualmente os comedores sociais por parte de familias que atravesan dificultades derivadas da crise", segundo informou o grupo cooperativista ourensán. Ao mesmo tempo destaca que apoia aos produtores limianos "que neses momentos non conseguían dar saída aos excedentes debido ao peche das súas canles habituais de comercialización, sobre todo hostalaría e restauración.

Trátase dunha das diversas accións de colaboración realizadas por Coren nos últimos meses "dentro do seu compromiso de responsabilidade social, tanto coa achega de material de protección como de alimentos con destino a hospitais, centros sanitarios, residencias, ONGs e outras organizacións sociais, e que se suman ás que a cooperativa desenvolve de modo permanente durante todo o ano".

A doazón realizada por Coren, que representou un total de 20 camións, foi a maior dentro das accións dirixidas a minimizar a perda de ingresos que estaban a sufrir os produtores de pataca limianos. A cooperativa sumouse á iniciativa Mercaproximidade impulsada pola Consellería de Medio Rural para apoiar ao sector primario da comunidade ante a crise, coa colaboración da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Coren abonou a partida adquirida ao prezo establecido polos produtores, "garantindo a súa marxe de rendibilidade, e en coherencia ca súa defensa duns prezos xustos para os produtos agroalimentarios" advirte a empresa.

Excedentes

Con esta compra por parte da cooperativa, sumada ás accións realizadas anteriormente pola Xunta de Galicia, "foi posible dar saída á totalidade dos excedentes que tiñan os produtores da Limia.

O grupo cooperativista tamén enmarca esta acción no compromiso da firma cos diferentes sectores da comarca da Limia. De feito, subliña que con esa zona da provincia ten unha gran vinculación. Coren detalla que "tende a súa man de modo permanente para colaborar con todas as accións de desenvolvemento sustentable da comarca e, en particular, apoiándoa neste momento para facer fronte ás necesidades derivadas da crise".

A comercialización do excedente realizouse cooperando con Adegal

A comercialización do excedente de pataca que asumiu o grupo Coren nas últimas semanas foi realizada coa colaboración de Adegal. Trátase da Asociación de Agricultores e Gandeiros da Limia, que desde un primeiro momento se implicaron na iniciativa. A partir de marzo, coa declaración do estado de alarma pola crise sanitaria, Adegal canalizou a petición dos empresarios do sector que non podían vender a pataca que tiñan reservada para a hostalaría, tal como informa o grupo Coren.

Pola súa parte, a Consellería de Medio Rural tamén lles ofreceu a posibilidade de darlle saída a todos estes excedentes a través do mercado de proximidade, unha iniciativa subscrita por Coren "polo seu compromiso de apoio á comarca e que, ao mesmo tempo, contribuíu a dar a coñecer un produto de excelente calidade como é a pataca da Limia".

Fonte: La Región