Un consorcio galego deseña unha ferramenta para a xestión do monte con drons

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu no Centro Experimental Áncora, no municipio lucense de Cervo, á xornada de peche do proxecto liderado por un consorcio de empresas galegas para desenvolver unha ferramenta que permitirá a xestión “dixital e sustentable do monte” a través do uso de drone. No consorcio participan as empresas galegas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia, e conta coa colaboración da Universidade de Santiago (USC), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Xunta.

Na demostración, un dron realizou medicións de masa forestal que permiten calcular de forma áxil a altura das árbores, o seu diámetro, especie ou volume de madeira, parámetros todos eles que en moitos casos séguense recollendo a man.

A iniciativa contou cunha axuda por parte da administración autonómica de 560.000 euros. O proxecto Xestal (Xestión Forestal Sostible mediante Teledetección Remota) contribúe, segundo destacou a Xunta, a “optimizar procesos cLave na xestión dos recursos forestais”, como o inventario de árbores ou a planificación, seguimento e control de masas forestais mediante unha solución tecnolóxica baseada na automatización para recoller datos mediante novas tecnoloxías embarcadas en avións non tripulados.

Esta solución tecnolóxica vai dirixida fundamentalmente aos xestores forestais e aos enxeñeiros ambientais, dado que a súa utilización permitirá reducir custos en relación cos actuais métodos de medición, así como dispor de información actualizada e cun elevado valor engadido para tomar decisións e executar as actuacións previstas nos plans de ordenación forestal.

O proxecto, que foi cofinanciado con fondos europeos a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, está concibido para a optimización de procesos clave na xestión de recursos forestais, como as actuacións que implican os Plans de Ordenación Forestal (podas, adecuación de pistas, etc.), segundo detallan desde o Instituto Tecnolóxico de Galicia. “É, ademais, -apuntan- unha ferramenta moi valiosa para a xestión do monte privado e para dar soporte a procesos de sistemas de certificación forestal, como o FSC ou o PEFC”.

Desde Aeromedia destacan que se levou a cabo unha “inxente tarefa de mostraxe” de masas de eucalipto e piñeiro a fin de dispor de suficientes datos de parcelas que permitisen definir un modelo de inventario robusto. Ao longo de todo o proxecto medíronse preto de 200 parcelas cun sensor LIDAR embarcado nun dron. Estas parcelas de mostraxe repártense por uns 60 montes ao longo de 47 parroquias de Galicia, especialmente en Lugo e A Coruña.

Fonte: La Opinión