O Consorcio Aeronáutico Galego pecha 2021 con mantemento do emprego e un 6% de incremento en facturación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Despois das caídas do 2% en emprego e 40% en facturación que sufriu o sector en 2020, o  Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) inicia a esperada senda de crecemento. Pero problemas no abastecemento de enerxías e materias primas, incremento de custos e a necesidade de formar ao persoal preocupan ás empresas para consolidar a recuperación.

As empresas fan fincapé en que se empezan a constatar síntomas de recuperación e reactivación de pedidos, tanto na aviación comercial, que aínda segue afectada pola Covid-19, como tamén noutros nichos de mercado como helicópteros, drons, e sistemas e solucións tecnolóxicas. 

Desde o CAG poñen o foco inmediato nas convocatorias do Polo Aeronáutico de Rozas, en introducir máis ás empresas galegas no avión de combate europeo FCAS, e en seguir posicionando a Galicia como polo aeroespacial a nivel nacional e internacional. “Nese marco se sitúa o Observatorio Aeroespacial Galego, lanzado polo CAG xunto á Xunta, unha colaboración moi relevante que vai impulsar múltiples estudos e a consolidación desta industria e crear pegada industrial”, dixo Enrique Mallón, presidente do Consorcio.

A industria aeronáutica e aeroespacial foi unha das que maior impacto sufriu da Covid-19. Despois das caídas históricas no tráfico aéreo a nivel mundial, que arrastraron a carteira de pedidos en 2020, o sector puido albiscar no ano 2021 os primeiros síntomas de recuperación. Mallón anotou: “a aeronáutica e aeroespacial galega mantivo emprego en 2021 e pechou cun incremento de facturación do 6%, con 89 millóns de euros. É unha industria que medrou de forma sólida desde os 300 traballadores e 12 millóns cos que se iniciou hai menos dunha década. A pesar de que estamos nunha tormenta perfecta de múltiples dificultades, confiamos en que o 2022 sexa o ano do despegamento. Temos esperanzas postas nos fondos europeos de recuperación, no Perte aeronáutico, e sobre todo en Galicia coas convocatorias do Polo Aeroespacial de Rozas”.

CAG agrupa a 42 membros, tanto empresas como centros tecnolóxicos e de coñecemento. “Por aquí están a pasar os grandes fabricantes en aviación comercial e non tripulados, froito do esforzo público-privado realizado nos últimos anos por parte do Consorcio Aeronáutico Galego e da propia Xunta”. As empresas insistiron en que a formación será clave para afrontar a recuperación, debendo centrarse en preparar o talento das empresas para focalizarse nos procesos máis que nos produtos, para acometer así proxectos complexos de I+D+i e potenciar a competitividade da industria aeronáutica galega a escala internacional.

Fonte: ECO