O conselleiro de Economía cualifica Tecnópole como o corazón industrial e tecnolóxico de Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no ciclo de almorzos tecnolóxicos organizado por Tecnópole. No marco deste encontro informal con empresarios, Conde asegurou que "Tecnópole é hoxe por hoxe o corazón industrial e tecnolóxico de Galicia, coas súas 91 empresas desenvolvendo un ecosistema de innovación moi importante en diferentes sectores, como o aeronáutico, o agroalimentario e o biotecnolóxico".

Ver o futuro en clave industria 4.0 foi un dos retos destacados polo conselleiro ante a trintena de empresarios que se deron cita no Parque Tecnolóxico de Galicia para participar neste encontro de auditorio reducido, co obxectivo facilitar o debate. Conde asegurou que a competitividade está na innovación e tamén en pensar en global. "Unha empresa en Thailandia pode estar a deseñar un produto que en cuestión de horas sairá impreso aquí mesmo en 3D, citou como exemplo.

Centrado nas fórmulas que a Xunta está a promover para impulsar a competitividade empresarial con base na innovación, o conselleiro afirmou que é imprescindible a colaboración público-privada, incidindo en que é necesario incrementar o gasto empresarial en innovación.

A innovación aberta, a través dun modelo cooperativo entre empresas e entre empresas e centros tecnolóxicos e de investigación, é outro dos eixes citados por Conde. "Por exemplo, o coche autónomo de Citroen ten o seu xerme no CTAG, a través dun proxecto FEDER-Innterconecta. Do mesmo modo, Citroen quere desenvolver o seu modelo de fábrica 4.0 na factoría de Vigo e vaino facer en colaboración co CTAG. A innovación de portas para dentro rematou e o papel da Xunta é impulsar este novo modelo de innovación aberta", expuxo.

Neste mesmo ámbito, citou as unidades mixtas promovidas pola Xunta para atraer grandes empresas que colaboren con centros de coñecemento galegos e a Civil UAVs Initiative, que está a xerar, mediante unha iniciativa inédita en España, un polo tecnolóxico arredor da tecnoloxía dos sistemas aéreos non tripulados para aplicacións civís.

Sobre o ámbito do emprego, destacou as inminentes axudas públicas para aquelas empresas que formen un mínimo de 50 traballadores con compromiso de contratación. "A Xunta pagará o 100% da formación e esta medida diríxese non só ás grandes empresas, senón tamén a pemes que se asocien entre elas", precisou.

Segundo o conselleiro de Economía, a compra pública innovadora, dirixida a que a administración funcione como cliente lanzador de innovacións que se traducen en melloras na prestación dos servizos públicos, marcará de xeito indiscutible o futuro. "Hai que ser creativos para lograr que as empresas pequenas, que son a maioría en Galicia, entren nestes procesos competitivos con posibilidades de éxito", destacou. No caso da Civil UAVs Initiative, asumiuse a necesidade de contar con empresas grandes punteiras, pero pediuse un investimento forte destas multinacionais en Galicia e incentivouse a contratación de pemes e a colaboración con centros de coñecemento galegos.

Cultura da innovación

Despois do almorzo con empresarios, o conselleiro de Economía visitou os participantes no único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) reúnen dende a semana pasada a un grupo de 38 rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que traballan en proxectos de innovación no marco dun programa de actividades que combina a aprendizaxe coa diversión.

"O T2W é unha nova oportunidade de trasladar a cultura da innovación aos máis novos. O Parque Tecnolóxico é unha referencia neste campo, coas Aulas Tecnópole, a Galiciencia, os talleres de robótica e este campamento de verán", valorou Conde.

Durante o percorrido, puido coñecer proxectos como a aplicación móbil creada por dous rapaces de 13 anos para compartir ideas ou un órgano de música desenvolvido con cubetas de auga e eléctrodos.

(Fonte: Tecnópole)