Conexiona Telecom presenta en Tecnópole o seu novo software de xestión intelixente de comunicacións

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A TIC galega Conexiona Telecom presentou en Tecnópole -onde se atopa a súa sede- un novo software de xestión intelixente de comunicacións para empresas. Segundo os seus creadores, trátase dun produto innovador a nivel mundial no que xa se interesaron varios distribuidores especializados.
 
Durante o acto, que contou coa presenza dun centenar de profesionais do sector e do director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla, a empresa presentou o EXIACore, unha aplicación que permite manexar centrais telefónicas sen coñecementos técnicos e de xeito integrado con todas as bases de datos e sistemas de xestión da empresa.
 
"O software foi deseñado para poder interaccionar con Asterisk dunha forma rápida, sinxela e cómoda, externalizando toda a lóxica de control e toma de decisións cara á aplicación", explicou o conselleiro executivo de Conexiona, José Antonio Losas. Asterisk é o programa de software libre que proporciona funcionalidades de central telefónica líder no mercado na franxa da telefonía VoIP (Voz sobre Protocolo de Internet, un protocolo que fai posible que o sinal de voz viaxe a través de Internet).
 
Este software foi creado e desenvolvido en colaboración coa Facultade de Informática da Universidade de Vigo e financiado pola Consellería de Economía e Industria a través da Dirección Xeral de I+D+i.
 
Skype, líder na prestación de servizos de voz vía VoIP a nivel mundial, conta na actualidade con 480 millóns de usuarios e cada vez máis empresas están a utilizar esta tecnoloxía polas súas vantaxes en custos. O software libre Asterisk, que permite engadir as funcionalidades dunha central a este servizo, pechou 2010 con dous millóns de descargas, polo que optimizar o seu uso, como é o obxectivo do novo produto de Conexiona, abre un mercado potencial moi grande.
 
Asterisk supón un importante aforro económico sobre as centrais de software propietario por estar baseado en software libre (evitando, polo tanto, os custos de licenzas) e, segundo os seus creadores, EXIACore mellora esta vantaxe engadindo numerosas funcionalidades que as aplicacións de pagamento non poden ofrecer. Entre elas, o conselleiro delegado de Conexiona destacou o aproveitamento automático de tarifas planas e de múltiples operadores nunha única central, coa seguridade de que o propio programa selecciona en cada momento automaticamente a opción máis económica. Ademais, cada usuario está capacitado para programar a súa central sen necesidade de coñecementos técnicos a través dun sistema moi intuitivo, coa posibilidade de planificar un filtrado de chamadas entrantes ou un contestador de xeito personalizado.
 
Non obstante, a característica máis importante de EXIACore é que lle permite a calquera aplicación de xestión de recursos (ERP), de relación cos clientes (CRM) ou a calquera outra que se poida manexar a través de webservices a integración con Asterisk, permitindo por exemplo realizar chamadas directamente dende as súas fichas e tamén facilitar información sobre as chamadas ao departamento de facturación para o control do gasto. Precisamente sobre esta funcionalidade tratou a presentación durante o evento dun caso de éxito da implantación deste novo produto a cargo do director de sistemas de información de Begano, Manuel Varela, que explicou a integración do software co CRM da súa empresa.
 
Potenciais clientes
 
O novo produto de Conexiona Telecom, segundo explicaron os seus responsables, diríxese a varios grupos de clientes potenciais. O primeiro deles está formado polas operadoras de telefonía, que aínda que poñen a disposición dos seus clientes centrais virtuais aloxadas nos seus servidores a cambio dunha cota mensual, non dispoñen de interface web para proporcionar xunto co servizo.
 
Por outra parte, calquera empresa ou entidade de calquera tamaño e con necesidade de xestionar as súas comunicacións mediante unha central podería ser consumidor desta solución.
 
Ademais, as tendas de informática, distribuidores e instaladores poden implementar centrais Asterisk en moi pouco tempo, xa que a súa configuración se pode facer dende a interface de usuario proporcionada por EXIACore, sen necesidade de ter coñecementos de programación.
 
(Fonte: Conexiona Telecom)