Conexiona participa no deseño do software galego para o manexo do ictus

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Lincbiotech é unha spin off do Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Hospital Clínico de Santiago, unha institución que dirixe doutor José Castillo. A empresa xurdiu como unha iniciativa conxunta do FIDIS, do LINC e dun grupo empresarial galego, IT Capital, que conta cunha ampla experiencia en diversos negocios tecnolóxicos. Unha das súas principais participadas é a tecnolóxica Conexiona, con sede en Tecnópole.

“Desde o inicio das conversacións foi evidente que había importantes sinerxías entre as investigacións que se estaban realizando no laboratorio e a experiencia en desenvolver proxectos tecnolóxicos e acceder a mercados de IT Capital. Empezouse cun capital social de 20.000 euros, e os socios empresariais foron achegando recursos, a medida que a compañía os foi necesitando”, explica Juan Sebastián Ruiz-Constantino, director xeral da compañía.

A empresa galega desenvolveu un software que cuantifica o tamaño do infarto, a zona de tecido recuperable e mostra a temperatura cerebral a partir dos datos xerados mediante resonancia magnética e TAC. Segundo explican desde a compañía, é a experiencia do neurólogo a que determina que tratamento é óptimo para cada paciente, e decide se é necesario volver a intervir para salvar o tecido recuperable. Esta ferramenta mellora e trata as imaxes que permiten ao neurólogo un diagnóstico máis rápido e preciso, o que facilita a clasificación do paciente en función do tratamento adecuado e do seu prognóstico.

O software, que se chama Lincneuro, empezouse a desenvolver hai un ano e a empresa xa iniciou os trámites para a súa aprobación regulatoria, un paso que é obrigado para acceder ao mercado. “Esperamos poder empezar coa comercialización o próximo mes de xuño. Mentres tanto, seguiremos facendo melloras na plataforma para simplificar e mellorar a experiencia dos neurólogos cando a utilizan”, explica o director xeral.

O factor diferencial desta spin off baséase nun coñecemento básico moi sólido e especializado en enfermidades neurolóxicas, grazas ao traballo que achega o LINC, o que lles está permitindo contar con tecnoloxía propia e que teñen previsto ir protexendo con patentes.

O cadro de persoal da empresa fórmana agora tres persoas e acabarán este 2020 con outras tres. Conta co soporte administrativo e financeiro de IT Capital. O pasado 2019 terminárono cunha facturación de 180.000 euros por servizos de investigación e desenvolvemento (I+D), unha cifra que aspiran a superar neste exercicio.

Novas ferramentas

“Ata agora, estivemos moi centrados no desenvolvemento de Lincneuro, pero este ano deunos tempo a impulsar novos proxectos de I+D. En decembro, o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial concedeunos unha axuda dun millón de euros para os próximos catro anos que nos permitirá incrementar as nosas liñas de negocio. Marcámonos como prioritario desenvolver novas ferramentas diagnósticas para a enfermidade do alzhéimer”, explica o CEO da sociedade.

O obxectivo, tal e como precisan desde esta empresa do ámbito da biotecnoloxía, é avanzar na detección precoz desta patoloxía, cada vez máis prevalente nunha sociedade profundamente envellecida. Trátase de poñer o foco nas fases máis temperás da enfermidade. Co coñecemento científico actual, sábese que os procesos que desencadean o alzhéimer se desenvolven, aproximadamente, 15 anos antes dos primeiros síntomas.

“Se somos capaces de diagnosticar antes a enfermidade, melloraremos o prognóstico dos pacientes porque a evolución será máis lenta; neste proxecto estamos colaborando con outras empresas cunha traxectoria consolidada en alzhéimer, como Roche Diagnostics, que conta cun primeiro dereito de tenteo sobre os resultados do proxecto se son satisfactorios”, explica Juan Sebastián Ruiz-Constantino.

O obxectivo de Lincbiotech é precisamente ese, desenvolver tecnoloxías innovadoras para enfermidades neurolóxicas e chegar a acordos de licenza con empresas que comercializan produtos diagnósticos ou terapéuticos nos mercados. “Os nosos clientes son principalmente empresas biotech de tamaño medio ou farmacéuticas que operan a nivel internacional”, precisa o director xeral.

(Fonte: La Voz de Galicia)